Unhas horas antes da fecha trouxonos o As Pontes o regalo de Reis co liderato á espera do que aconteza mañá no encontro entre Boiro e Cerceda, no que un empate de ambos lle daría o liderato en solitario e o triunfo de calquera dos dous convertiriao en colíder.
Anotou tres goles o As Pontes nos primeros 14 minutos, o que pode dar idea de un triunfo moi doado, pero nada máis lonxe da realidade.
En sete minutos puxo terra de por medio o As Pontes case de forma definitiva, nunha boa xogada local Esmorís cede ó irmán maior dos Rochela, que galopando por banda dereita marca de forte tiro cruzado un tanto moi merecido para o bo de Javier (7´).
En dous córners que non acertou a despexar o As Pontes, estivo a piques de marcar, Edu, sacou un defesa a ras de chan, e noutra xogada Pablo López tivo que desviar a córner in extremis.
Pero o que son as cousas, apenas en dous minutos fixo o As Pontes o segundo e terceiro tanto. Nunha xogada entre Amado, Arias e Chicho, o ferrolán volve a ceder a Sergio, que marca de tiro cruzado (12´). Dous minutos máis tarde desmarcase o Rooney de Portomarín, regatea a un defensa e marca de tiro raso e suave, con suspense.
Tras un gran control e centro de Kevin cabecea Yun por fóra (24´) e tras unha mala saída de Damián Chicho dispara por alto (27´).
Antes do descanso recurtou distancias o Laracha, por medio doutro testarazo do coreano Yun, que rebota no chan e o balón entra a media altura sen que Kiko lle poida chegar coa manopla (42´).
Na segunda metade o Laracha saiu a polo empate e o As Pontes a defenderse. O adestrador visitante, o gran Manuel Mosquera, ex xogador de Primeira División, e de Deportivo, Compostela e Extremadura entre outros, arriscou e sacou a Santi e ó internacional español sub16 e sub17 de 19 anos, o ex deportivista Denis.
Tras un bo pase de Amado, Domínguez tira por alto (53´) e tras un córner de Fidi, que estivo sensacional, Aitor remata ó longueiro. Pra o gran central de Marín, ano novo, e outro poste máis pra o zurrón.
Gran ocasión pra o Laracha, Yun descólgase, prantase ante Kiko, e manda unha vaselina que sae bicando o longueiro (59´).
Nun correrrúas se converteu o encontro nos últimos minutos, no 70´ Iván está piques de chegar ó balón antes que Damián, que nos derradeiros minutos máis pareceu un porteiro-xogador de fútbol sala.
Empala Raúl no 75´ e saca Aitor co corpo. Nunha mala saída de Damián tiro de Iván preto do poste (80´).
Puido marcar Edu tras un zapatzo que foi ó poste (85´), e na xogada inmediata é Dani quen fai un autopase e tamén remata ó longueiro (86´).
Outra vez casi chega ó balón Arias antes que o porteiro visitante (87´) ata que nas postrimerías chegaron os dous últimos goles.
Co tempo cumprido, tras un bo pase de Dani marca o canteirán de 19 anos recén cumpridos, o gran Alex Cabarcos, tras regatear ó porteiro e rematar a porta baleira (90´).
No desconto, nun balón que o gran porteiro de Viveiro Kiko non alcanza, e tras posible falta, aproveitase atento Denis para facer o 4-2 definitivo.
En definitiva, tres maravillosos puntos para un As Pontes que se sitúa con 41 e que fai soñar ós seus poucos no campo, pero orgullosos seguidores.
A próxima semana deberá rendir visita a un grandísimo Cerceda adestrado por Lemos, onde está o máximo goleador da categoría, o gran Jorge Cano, e que botou 18 xornadas invicto ata que perdeu precisamente ante o Laracha na derradeira xornada da primeira volta. Dúas visitas seguidas pois á semana seguinte xogan os azuis en Betanzos.
4 CD AS PONTES. Kiko, Rochela, Nano, Pablo López, Aitor, Fidi, Amado (Iván 61´), Esmorís (Dani 61´), Arias, Chicho (Alex Cabarcos 75´) y Pablo Domínguez.
2 LARACHA CF. Damián, Raúl, Jorge, Fandiño, Javi Villar, Rebolo (Santi Bouza 52´), Josiño, Edu, Miguel Taibo (Denis 45´), Kevin, Yun.
Goles: 1-0, Rochela (7´), 2-0, Arias (12´), 3-0, Arias (14´), 3-1, Yun (42´). 4-1, Alex Cabarcos (90´), 4-2, Kevin (92´).
Campo e incidencias. Campo de O Poboado. Uns 150 espectadores en tarde chuviosa por momentos.
Árbitro: Jose Luis González Sobrado (Vigo). Amoestou a Fidi, Iván e Raúl.
Nova cortesía de Xose Ferreiro e A.F.