Un amplo dispositivo policial impide aos mariscadores bloquear a entrada do gaseiro Mourad Didouche na ría de Ferrol
Dende as 7 da mañá do día de onte, un amplo dispositivo policial impediu o acceso dos mariscadores ferroláns ás súas embarcacións
Unha ducia de equipos antidisturbios da Policía Nacional así como axentes da Autoridade Portuaria impediron onte sair a faenar a un cento de mariscadores de Ferrol, para evitar un posíbel bloqueo da ría ante a chegada do gaseiro Mourad Didouche.
Durante a mañá unha delegación de mariscadores entraron no edificio da Autoridade Portuaria e esixíron ao xefe da mesma, Amable Dopico, presentara a súa demisión por permitir a entrada do buque e o bloqueo das embarcacións que saían a faenar.
Contra as tres da tarde máis de medio millar de veciños e mariscadores de Ferrol, concentrábanse no porto ferrolán pra protestar contra a entrada do gaseiro na ría. Logo de varios intentos frustrados por parte dos mariscadores para acceder ás súas embarcacións, ás catro e media do serán entraba o gaseiro pola bocana da ría levado por dous remolcadores e escoltados por dúas patrulleiras e varias lanchas da Garda Civil.
Dende eiquí os manifestantes dirixíronse ate a sé dos xulgados ferroláns para recibir ao patrón maior da Cofraría de Ferrol, Bernardo Bastida, detido o pasado martes cando trataba de impedir a entrada do gaseiro na ría. Este entraba a prestar declaración escoltado por un amplo dispositivo policial de axentes da Garda Civil e equipos antidisturbios da Policía Nacional que tomaban os accesos aos xulgados. Á saída comunicábase a prisión provisional sen fianza para o patrón maior, imputándoselle delitos de coaccións, ameazas e desobediencia cívica.
Xa ás sete do serán un grupo de mariscadores, aproveitando a concentración dos efeitivos policiais ás portas dos xulgados, conseguían acceder ás súas embarcacións e dirixirse ao metaneiro que ficaba xa atracado no porto de REGANOSA en Mugardos.
Dende o comité cidadán alértase de que a planta de gas, carece dun plan de emerxencia e ainda así os metaneiros seguen entrando na ría. O problema deriva do calado destes buques que precisan a pleamar para poder acceder á ría de Ferrol. No caso de se producir calquera problema que obrigara a sair ao buque, habería que agardar até a pleamar seguinte para poder evacualo.
Nos vindeiros días e ante a chegada de novos gaseiros á ría de Ferrol, o comité cidadán anuncia novas movilizacións.