Amigus
As Pontes

X REGATA LAGO DE AS PONTES

O lago das Pontes reúne esta fin de semana a 112 novos regatistas na X Regata Clasificatoria “Lago de As Pontes” da clase Optimist

As Pontes, 16 de outubro de 2026. O Club de Vela Fluvial As Pontes, coa colaboración da Real Federación Galega de Vela e do Concello das Pontes, organizará os vindeiros 17 e 18 de outubro a X Regata Clasificatoria “Lago de As Pontes” da clase Optimist, unha das citas máis importantes do calendario autonómico de vela lixeira.

A competición desenvolverase no lago das Pontes e contará coa participación confirmada de 112 regatistas procedentes de 14 clubs de toda Galicia, consolidando unha vez máis a instalación pontesa como un dos principais escenarios para a práctica da vela en augas interiores da comunidade.

O Club de Vela Fluvial As Pontes estará representado por Jacobo Docanto (sub-13) e Jaime Barreiro (sub-16), dous dos regatistas da canteira pontesa que buscarán aproveitar o “factor campo” para seguir progresando na clasificación autonómica da clase.

Esta proba constitúe a segunda regata clasificatoria da tempada 2026-2027 para a clase Optimist, despois da celebrada o pasado mes en Sanxenxo. Os resultados obtidos polos deportistas serán determinantes no proceso de selección e configuración dos rankings autonómicos da clase, polo que se agarda un elevado nivel competitivo ao longo de toda a fin de semana.

A clase Optimist representa a categoría de iniciación por excelencia dentro da vela deportiva e reúne a mozos navegantes que atopan nestas competicións unha oportunidade para continuar a súa formación e progresión deportiva. Moitos dos regatistas que actualmente destacan a nivel autonómico, nacional e internacional iniciaron precisamente a súa traxectoria nesta embarcación.

Desde o Club de Vela Fluvial As Pontes destácase a importancia de acoller un evento destas características, que permitirá reunir no municipio a deportistas, técnicos, familiares e afeccionados procedentes de distintos puntos de Galicia, contribuíndo ademais á promoción do lago das Pontes como un espazo idóneo para a organización de competicións náuticas de primeiro nivel.

A organización prevé a celebración de varias mangas ao longo das dúas xornadas, sempre condicionadas polas condicións meteorolóxicas e de vento, co obxectivo de completar o programa deportivo previsto e ofrecer un espectáculo de gran nivel nas augas do lago pontés.

O Club de Vela Fluvial As Pontes, a Real Federación Galega de Vela e o Concello das Pontes convidan á veciñanza e aos visitantes a achegarse durante a fin de semana á contorna do lago para gozar dunha competición que reunirá algunhas das máis prometedoras figuras da vela galega.

 

Nova cortesía do Club de Vela Fluvial As Pontes

También podría gustarte

Los comentarios están cerrados, pero trackbacks Y pingbacks están abiertos.