XIV Encontro de torneiros de madeira en Galicia

Este ano o obradoiro de formación desenvolverase entre o xoves 18 e o domingo 21 de setembro.

Xermade convértese por décimo cuarto ano consecutivo no escenario do Encontro de torneiros de madeira en Galicia. Este ano o obradoiro de formación desenvolverase entre o xoves 18 e o domingo 21 de setembro.

Ademais das demostracións de catro profesionais do torneado de referencia a nivel internacional coma o alemán Hans Weissflog, o neocelandés Graeme Priddle, o francés Pascal Oudet e o galego Manuel Castro; tamén haberá conferencias e varias exposicións.

A Biblioteca Municipal acollerá a exposición monográfica de Fernando Vérez ao longo da fin de semana; mentres que o colexio público da localidade será o escenario das conferencias de Francisco Boyero sobre “Coñecementos básicos de aerografía” e de Guillermo Lamberti sobre o “Uso de resinas no torneado da madeira” que se desenvolverán o sábado en horario de mañá e tarde, respectivamente.

O domingo tamén servirá este espazo para seleccionar as pezas que formarán parte da exposición itinerante de torneado de madeira, VIII Contornos, que deberán ser inscritas previamente polos responsables da súa talla. Mentres, poderase contemplar a sétima edición desta mostra no pavillón municipal que será o escenario principal dos obradoiros de caixas perforadas, vasillas do Pacífico sur, torneado de precisión e torneado tradicional con llerga; ademais doutras demostracións abertas ao público.

También podría gustarte
Comentarios