Amigus
As Pontes

Xurxo Borrazás no Clube de Lectura das Pontes

Mañá mércores, día 22 de xuño, o escritor Xurxo Borrazás acudirá até a vila das Pontes para departir cos seus lectores e lectoras sobre a última novela que publicou, Covalladas. Prosa vertical (Galaxia, 2010).
O encontro, que terá lugar na Biblioteca Muncipal pontesa ás 20:00, está organizado polo Clube de Lectura que, conxuntamente, promoven a propia Biblioteca Municipal das Pontes e o I.E.S. Moncho Valcarce. Este Clube de Lectura conta xa cunha importante traxectoria, e vén desenvolvendo as súas actividades durante os últimos tres anos. Ademais de grandes autores da literatura contemporánea (Murakami, Sciascia…), tamén lles presta atención aos autores e autoras galegas actuais e, de feito, teñen convidado á vila das das Pontes, e departido con eles, a autores como Teresa Moure, Rubén Ruibal ou Santiago Jaureguizar.


Xurxo Borrazás, que conta xa con máis dunha decena de obras publicadas en galego, é un dos narradores galegos contemporáneos máis laureados (Premio da Crítica Española en 1994 e Premio Arcebispo San Clemente en 1995 pola novela Criminal, aparecida en 2004; Premio Antón Losada Diéguez por Na maleta, no ano 2000; Premio da Crítica de Galicia en 2008 na categoría de ensaio pola súa controvertida Arte e parte, Dos patriarcas á arte suicida). Para alén da súa faceta como creador, ten realizado a tradución ao galego de importantes obras da literatura anglosaxona como son Trópico de Cáncer de Henry Miller (2006) e O ruído e a furia de William Faulkner (2008), ambas publicadas pola editorial Galaxia, e igualmente é un colaborador habitual da prensa periódica, onde intervén nos diferentes debates sempre cunha marcada independencia.

También podría gustarte
Comentarios