O ASCENSO DECÍDESE NA DERRADEIRA XORNADA
Triste empate do Esteo na súa visita a Vigo, xa que o cadro pontés mereceu gañar neste o que podería ser decisivo partido para o ascenso, pero enfronte atopouse con dous rivais, o Bembrive, equipo que tamén loita polo ascenso, e sobre todo, cunha lamentable actuación do dúo arbitral que ó longo dos corenta minutos cometeu un erro tras outro.
Comezaba o encontro cun lixeiro dominio do cadro local, un conxunto o vigués que conta nas súas filas con homes de gran calidade. Pola súa banda, o Esteo, sabendo o que se xogaba no choque, fixo quizais o mellor partido da temporada cun fútbol sala serio e ordenado que inquietou ó cadro local, o cal estivo moi nervioso ó longo dos corenta minutos. Tras un brillante contragolpe culminado por Jacobo adiantábanse os locais no minuto nove. Pero só un minuto máis tarde Bolly poñía a igualada cun golazo polo escuadro. Quen ía dicir que estes ían ser os únicos goles do enfrontamento entre vigueses e ponteses, pois o encontro foi dos que paga e pena ver e que mereceu moito máis goles.
Ó inicial dominio dos verdes, seguiulle o do Esteo conforme se ía chegando ó descanso, e así houbo tres aproximacións de Pellón, Gerardo, Anxo e un disparo de Bolly, rexeitado a córner. Este mesmo xogador mandou un cabezazo preto do escuadro. Por parte local unha vaselina de Mario que a piques está de sorprender a Niceto.
Antes de chegar ó descanso, no derradeiro minuto, chegou a xogada que puido decidir ó encontro, Rubi vaise só e cando regatea ó porteiro dentro da área, este derríbao e o colexiado principal sinala falta ó borde da área en lugar de penalti e ó mesmo tempo, ó ser o último home, debería expulsar a Marcos, feito que resultaría decisivo, pois o porteiro local estivo sensacional na segunda metade.
No segundo tempo, O Esteo foi o dominador total e absoluto do partido. Tivo ata tres ocasións claras, dúas de Anxo e unha de Bolly, que se plantaron sos diante do porteiro, en situacións de man a man, pero Marcos estivo moi atinado. Estes dous mesmos xogadores, Anxo e Bolly, fixeron tamén dous remates a media volta que un saíu bicando o escuadro e o outro parouno milagrosamente Marcos. Incluso un tiro de Rubi chegando case ó final do partido que despexa coa perna.
Por parte local, salientar dúas ocasións. Nos minutos finais, nun vibrante partido, Pellón e Gerardo, xa de porteiro xogador, souberon desbaratar dous perigosos contragolpes dos verdes.
A xogada clave aconteceu a falta de un minuto e dez segundos, cando se sinalou penalti contra dos locais por man dun defensor. Lanzouno Bolly, o porteiro desviouno coa man, para acabar batendo no longueiro e acabar en córner.
A mala sorte privou ó Esteo dos tres puntos que poderían ser decisivos para o ascenso de categoría nun emocionante e vibrante partido entre os dous mellores equipos da categoría, pero que nesta ocasión houbo moita superioridade dos ponteses, que sen lugar a dúbidas fixeron o mellor partido da temporada, pero que ó final non tiveron o merecido premio da vitoria. Tan só un punto que sabe a pouco e todo queda por decidir na derradeira xornada.
Se os vigueses gañan en Ribeira de Piquín lograrían o ascenso, pois suman un punto máis e teñen o goal average a favor. De non vencer neste encontro o Bembrive, sería o Esteo o que ascendería no caso de lograr os tres puntos na casa ante o Bueu.
M. BEMBRIVE: Marcos, Michel, Bernardo, Pitu, Mario cinco inicial- Ges, Jacobo, Pedro, Cameselle, Perlán, Jorge e Graña.
O ESTEO FS: Choto, Pellón, Fran, Gerardo, Rubi cinco inicial- Bolly, Gerveno e Anxo
ÁRBITROS: Desastrosa actuación dos pontevedreses Castro Maquieira e Vidal Araujo. Amoestaron a Jacobo, Cameselle e Marcos, por parte local e a Fran, Rubí e Gerardo, que foi expulsado a falta dun segundo para o remate do partido.
GOLES: Min. 9 (1-0), Jacobo. Min. 10 (1-1), Bolly.
INCIDENCIAS: Partido da décimo terceira xornada da fase de ascenso a Segunda División B disputado no pavillón municipal de Mosteiro de Bembrive, que rexistrou unha excelente entrada de afeccionados, máis de 300 espectadores, dos que preto de medio cento eran de As Pontes.
Nova cortesía de Xose Ferreiro e A.F.