Amigus
As Pontes

Medio cento de locais hostaleiros dispoñen de cubos para a reciclaxe de vidro

[Diario de Ferrol] Cada establecemento hostaleiro das Pontes contará cun cubo de 80 litros de capacidade específico para os envases de vidro e dotado con rodas para o traslado dos residuos ata os colectores de gran capacidade situados nas avenidas de Ferrol, Galicia, Coruña e Ortigueira e tamén nas rúas Campo da Feira e Rego do Muíño. Medio cento de locais dispoñen xa deses recipientes, tal e como se indicou desde o consistorio.


O Concello puxo en marcha onte unha nova iniciativa para o coidado do medio ambiente. A través da empresa Sufi, responsable do servizo municipal de limpeza, e a asociación Ecovidro, repartíronse os novos colectores de vidro, que permitirán unha reciclaxe máis sinxela deste material por parte dun dos colectivos que máis residuos xenera deste tipo, o da hostalería.
A campaña “Ale Hop” remataba onte coa colocación de nove colectores máis de gran capacidade en varias das rúas máis céntricas do casco urbán e co reparto de case medio cento de cubos de reciclaxe entre bares, restaurantes e cafeterías do municipio pontés.
O proceso de baleirado dos contedores é, tal e como indican desde o consistorio, moi sinxelo, cómodo e hixiénico, porque só require conectar o cubo ao colector e elevar o máis pequeno, evitando así posibles cortes, feridas ou lesións provocadas polo vidro. “A través do sistema de panca co que están dotados os cubos máis pequenos a reciclaxe de vidro transfórmase nun proceso seguro e sobre todo rápido, o que facilita que o sector da hostalería se moleste en reciclar este tipo de refugallos”, aseguran desde o Concello das Pontes.
A administración local busca con esta medida botar unha man ao medio ambiente poñendo os medios necesarios -como os novos cubos- para desfacerse doutros métodos de separación de lixo, como as caixas de cartón, bolsas de lixo ou pequenas cubetas que, ata o de agora, se viñan empregando nestes locais.

También podría gustarte
Comentarios