Amigus
As Pontes

MUXAREGA ABRAIOU Ó PÚBLICO PONTÉS

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

Éxito de Muxarega no concerto conmemorativo do seu 15º aniversario. Este tradicional e emblemático grupo pontés iniciou a súa andadura na música folk precisamente un 5 de maio de 1995 no mesmo escenario, auditorio municipal Alovi, no que onte celebrou o seu aniversario, cun auditorio totalmente cheo e que, como dixo o alcalde das Pontes Valentín González, nin o Madrid e nin o Barcelona foron alicientes suficientes para que os ponteses, amantes da música, non acudisen a esta importante cita para arroupar ós actuais compoñentes da banda musical e a todos aqueles que pasaron por ela.
Entre peza e peza, Miguel Ferreiro e Paula Ramos, dous dos máis antigos do grupo, ó longo de máis de hora e media foron rememorando a súa historia nestes quince anos de vida ó mesmo tempo que ían presentando a tódolos músicos que pasaron por este emblemático grupo musical das Pontes, en total 24 incluídos os actuais, dos que só dous non puideron asistir.
Un concerto con momentos moi emotivos que fixeron saltar as bágoas a máis dalgún, como Manolo Seijo, un dos fundadores, cando adicou á súa dona unha das pezas musicais, non sen antes lanzar unha crítica ós políticos que nunca tiveron a sensibilidade de crear un local axeitado para os ensaios das distintas entidades musicais da vila. Outros nos que tamén era evidente a emoción era Miguel, quen ó remate do concerto agradeceu á institución municipal, entidades culturais, musicais e comercios da vila, así como ás familias e ós amantes da música o apoio recibido ó longo destes quince anos.
En xaneiro deste ano Muxarega gravou un disco con doce pezas musicais tradicionais, tamén propias e outras do gaiteiro Xoán Carlos Rilo e de Xurxo Iglesias, antigo compoñente do grupo e hoxe na banda de Susana Seivane. Neste aniversario Muxarega ten programadas varias actuacións en distintas localidades de Galicia, no tradicional Folk da Fraga, na Casa de Galicia de San Sebastián, para despois seguir viaxe ata a cidade bretoa de Lesneven, na que actuou por primeira vez no ano 1997, participando no encontro anual de cidadáns europeos que organiza a Irmandade As Pontes-Lesneven do 16 ó 26 de agosto.
Muxarega-1.jpg


Muxarega-2.jpg
Muxarega-3.jpg
Muxarega-4.jpg
Muxarega-5.jpg
Muxarega-6.jpg
Fotos cortesía de Javier Piñeiro
Nova cortesía de A.F.

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios