Amigus
As Pontes

Mañá clausúranse en Cabreiros as VI Xornadas Interxeracionais Rurais “Aprendendo cos nosos maiores”

As xornadas interxeracionais que organiza anualmente a Asociación de Veciños de Cabreiros, no veciño concello de Xermade, rematan mañá ás oito do serán cunha representación teatral a cargo do grupo de teatro “Charetada” que escenificará a peza teatral que leva por título “Verídico”.
Este evento, que vai xa pola súa sexta edición, vense celebrando dende o ano 2005. Este ano acolleu diferentes actividades entre as que cabe subliñar as V Xornadas Chairegas do Xogo Popular e Tradicional, que cada ano atraen a máis mozos e maiores para xogar á porca, á pita cega, á billarda ou á chave, entre outros.


Asemade, dende o día 29 de maio tiveron lugar diferentes charlas e conferencias, de diferente temática, dende “O papel dos nosos maiores no século XXI”, pasando por unha conferencia sobre o “Lupus e a fibromialxia” ou a “Inmigración na actualidade”, entre outras.
O programa da xornada de mañá acollerá a celebración da VI Festa da Roza, que incluirá unha conferencia a cargo do mestre Xosé María López Ferro, que falará sobre “A historia e o significado pedagóxico do Museo Etnográfico Monte Caxado das Pontes” e que inclúe unha visita ao museo pontés a partir das 11 da mañá.
Estas xornadas están organizadas pola Asociación de Veciños de Cabreiros e contan coa colaboración do Concello de Xermade, Xunta de Galicia e Universidade de Santiago de Compostela.

Descargar folleto informativo

También podría gustarte
Comentarios