Nota de prensa BNG: O BNG RECLAMA PARTICIPACIÓN E UNIÓN NA DEFENSA DAS INFRAESTRUTURAS DO PLAN DO CARBÓN 2006-2012

Denuncia a ausencia de respostas do PSOE ás solicitudes e propostas nacionalistas cando están en xogo investimentos por máis de 53 millóns de euros.
As Pontes, 8 de xuño de 2012.- O Grupo Municipal do BNG ven de presentar unha nova proposta de actuación para reclamar os máis de 53 M€ que o Estado adebeda ao Concello polo finanzamento dos equipamentos incluídos no Plan da Minaría, entre os que están a ampliación de Penapurreira, o Centro de Ocio, o circuíto de karts, a residencia xeriátrica, o museo da Minaría, o centro integral para discapacitados, o paseo Casilla-Alimpadoiros, ou a ponte de Rebardille, entre outros, na súa maioría compromisos electorais do Alcalde.
Para o BNG, os sucesivos recortes feitos polos gobernos do Estado, antes polo PSOE e agora polo PP, xunto cos criterios de reparto dos fondos aínda dispoñíbeis, supoñen a perda total dos correspondentes ao noso concello e, polo tanto, a imposibilidade de execución das infraestruturas previstas, o que debe motivar unha resposta política conxunta por parte da administración municipal.
Segundo datos da Xunta, nas Pontes só se ten executada unha das actuacións previstas, o treito Cabreiros-Vilalba da autovía, polo que está pendente o 86% do orzamento do período 2006-2011, porcentaxe superior ao 74% que quedou sen executar no anterior Plan do Carbón, no que se repartiron entre outras partes do Estado máis de 98 M€ que, polos criterios estabelecidos, eran das Pontes e que nunca chegaron.
No exercicio da súa responsabilidade política, o BNG ten presentado iniciativas no Congreso e no Parlamento, e reclama unha actuación coordenada e conxunta na defensa dos intereses dos nosos veciños e das nosas veciñas.

También podría gustarte
Comentarios