Amigus
As Pontes

Nota de prensa Xuntos Por As Pontes: Xunt@s por As Pontes apoia a folga xeral no ensino do vindeiro 26 de outubro

A Folga Xeral no Ensino, convocada por todas as ANPAS e Asociacións Estudantís do estado, está prevista para o vindeiro mércores 26 de outubro.

Xunt@s por As Pontes súmase á convocatoria de folga xeral no ensino prevista para o mércores 26 de outubro, organizada por toda a comunidade educativa. Xornada na que se celebrarán manifestacións e protestas nas principais cidades galegas reivindicando a supresión das reválidas, a derrogación da LOMCE e a reversión dos recortes no eido da educación.

Con motivo da folga, o concelleiro Alberto Pellón mais o representante do Sindicato de Estudantes e tamén veciño da vila Emilio Santos, están levando a cabo unhas charlas informativas nos colexios e institutos do noso pobo.

Nas palabras de Alberto Pellón, “opoñémonos á LOMCE e ás súas reválidas porque o seu mantemento significa un retroceso dramático da Educación en España. As reválidas son probas antipedagóxicas e punitivas pois o que fan é adestrar aos alumnos nunhas determinadas materias castigándoos coa repetición de curso se non superan o exame. Isto vulnera o dereito do alumnado a recibir unha educación integral, que atenda ao pleno desenvolvemento da personalidade humana. Tamén relega ao profesorado ao papel de mero adestrador, anulando a súa autonomía pedagóxica e desatendendo a súa profesionalidade“. Continúa Alberto Pellón explicando que “con estas probas o que se pretende é facer unha competición entre centros, e os centros non se crearon para iso, están para ofrecer educación de calidade para todas”.

Emilio Santos, representante do Sindicato de Estudantes, tamén se pronunciou ao respecto animando ao estudantado a facer folga e a acudir ás manifestacións: “debemos desobedecer a un Estado que aparentemente o que desexa é formar man de obra barata, mantendo as ruínas dun país esquilmado pola privatización, e que o que fará é obrigar á xuventude a marchar cara aos países do norte na busca de emprego, dándolles deste xeito o que desexan: escravos modernos. Animo ás mozas e mozos da vila a saír do seu letargo e a loitar polos seus dereitos. O 26 de outubro ten que escoitarse o noso berro nas rúas”.

Pola súa banda, Carmela Franco, estudante do Moncho Valcarce, explícanos que “esta non é unha loita estudiantil, é unha loita pola dignificación do futuro, do futuro de todas. Pola cultura, por un ensino público ao alcance de todos. Quedar na casa non é unha opción. De novo, volveremos loitar por desfacer a tea de corrupción deste sistema, volveremos loitar, por derrocar leis franquistas que se nos impoñen e prentenden que calemos. O 26 de Outubro, saímos á rúa coas nosas propias armas. Non nos calarán”.

Nas manifestacións do dia 26 de outubro, como dicimos, pedirase a paralización das probas externas impostas pola LOMCE, unha lei elaborada e aprobada de costas á comunidade educativa e sen apenas respaldo social.

Dende a nosa localidade partirán dous autobuses ás principais manifestacións da provincia. Un organizado polo alumnado do Moncho Valcarce para a manifestación de Santiago de Compostela, que terá lugar ás 12:00 do mediodía. Outro organizado polo Sindicato de Estudantes, para a manifestación de Ferrol, que será tamén ás 12:00 na Praza de España, diante do Edificio da Xunta.

Máis información en www.xuntosporaspontes.com

También podría gustarte
Comentarios