Amigus
As Pontes

PREFERENTE NORTE. CD AS PONTES 4 – ORDES SD 3

O As Pontes remontou un 0-2 no segundo tempo, con tres tantos en apenas catro minutos, nunha tarde de moitos goles.

Triunfo importantísimo do As Pontes ante un dos grandes nunha tarde de fútbol de auténtica locura a que se viviu este domingo no Poboado. Pese a que a primeira ocasión correu a cargo de Pardo, que disparou cruzado (1´), os da terra do queique dominaron os primeiros 45 minutos.

Disparo por alto de Ángel (3´), e tras un mal pase entre liñas de Rober, contra dos visitantes que acaba salvando Paco (6´), que atallou outra vez o tiro de Aguado (11´) e outro de Ángel moi ben colocado desviao a córner (14´).

Tanto foi o cántaro á fonte, que tras un saque de esquina, chegou o gol de Joni, que cabeceou no primeiro pau, e o balón vai ó fondo das mallas pasando entre Rober e Alex (15´).

O tanto descontrolou ós locais, pois na xogada seguinte, mal control de Rober, no que se acaba marchando o dianteiro visitante estando moi atento ó corte Dani (16´). Nunha das poucas ocasións locais, controla Rubén dentro da área, pero non tira de primeiras e acábanselle botando enriba os defensas verdes (23´).

Nun balón desprazado dende a defensa, controla completamente só Chiño, con campo por diante, dispara, e volta a salvar Paco (37´). A un gran pase de Rober para Eloy, que non consigue controlar o dianteiro coruñés que quedaba só ante Borja (39´), seguiulle unha xogada do cadro visitante, na que acaba controlando Chiño no lateral da área, regateando ó defensa, e disparando alto ó segundo pau a onde non chega Paco, facendo o 0-2 o ex xogador do Negreira (40´).

Semellaba medio sentenciado o partido, dado o dominio dos de Juan Tembra, e máis cando xusto antes do descanso, algo aturdido o cadro local, un forte disparo de Íñigo dende o borde da área marchou a rentes do pau (43´).

O segundo tempo semellaba comezar coa mesma tónica, pois voltou a ter outra ocasión Chiño que voltou a despexar Paco (50´). Pero foi nuns catro minutos máxicos, que se cumpriu o dito de Vujadin Boskov de “fútbol es fútbol”.

Primeiro era Dani o que recurtaba distancias cun tanto de cabeza tras saque de córner que se colou polo escuadro pasando por riba da testa do defensor do primeiro pau (60´). Pouco despois era Alex Cabarcos, ó que lle sirven un balón franco cara atrás dentro dá área, dispara, rebota nun defensa, e o esférico acaba entrando (61´).

Puido chegar o terceiro nun forte remate algo escorado de Eloy que acaba sacando o porteiro como pode (62´), pero o delirio nas gradas chegou tras outro saque de córner, no que, descolgado no segundo pau Quique, orienta o balón, e acaba marcando de disparo cruzado (64´).
O “Mago de Viveiro”, Bossa, realizou un xogadón, no que se desfixo de tres defensas no borde da área, e acabou disparando por riba do longueiro (72´). O cuarto chegou tras un centro que acaba controlando Fidi dentro da área e batendo a Borja de forte disparo por baixo (76´).

O As Pontes víase nunha situación que quen llo ía dicir apenas quince minutos antes, e os visitantes, que non daban crédito, foron na busqueda do terceiro. Unha cesión cara atrás de Rober, a piques estivo de acabar en gol. Sorte que o balón non ía moi rápido e o gardamallas ferrolán, hoxe moi atarefado, acabou despexando in extremis (81´).

Como non hai vitoria sen sufrimento local, a unha boa parada de Paco (85´), seguiulle un córner no que Barbeito acabou disparando moi só dende o borde da área, e o balón entrou tras petar no poste (86´).

De aí ó final o As Pontes defendeuse como puido, incluso houbo unha perigosa contra tras un mal pase lateral de Chis, pero sen embargo foron os locais os que mereceron o quinto.

Tras un gran pase dende a liña de fondo de Ramos, remata Carba de primeiras, e saca co corpo Borja (88´), e despois houbo unha contra na que Carba quedaba completamente só con todo o campo por diante, pero Adrián non lle pasou o balón a tempo e acabou cortando o defensa (93´).

Sen tempo para máis, o As Pontes xa é terceiro con 13 puntos, a un de Polvorín e seguen a catro do líder sólido Paiosaco. A semana que vén visitan ó Atlético Arteixo, que hoxe pasou da última á penúltima praza tras conseguir a súa primeira vitoria ó gañar 0-1 en San Tirso, terreo onde os azuis perderon 3-0, así que non será un rival nada doado o equipo de Ponte dos Brozos.

CD As Pontes. Paco, Criado (Maro 46´), Alex, Rober, Dani, Chis, Quique (Ramos 78´), Bossa, Eloy (Adrián Iglesias 90´), Fidi, Rubén Pardo (Carba 83´).

Ordes SD. Borja, Lucas, Paco, Moure, Anxo, Álvaro, Chiño (Víctor 82´), Íñigo (Martín 66´), Joni, Ángel (Barbeito 75´), Aguado (Alex Teira 75´).

Goles: 0-1, Joni (15´), 0-2, Chiño (40´). 1-2, Dani (60´), 2-2, Alex (61´), 3-2, Quique (64´), 4-2, Fidi (76´), 4-3, Barbeito (86´).

Árbitro: Jose Antonio Varela Varela (Vigo). Auxiliado en las bandas por Rabi Haboub Oliu e González Pérez. Amarela a Ángel e Álvaro.

Campo e incidencias: Campo de O Poboado. Tarde soleada con máis de 100 espectadores. Antes do comezo do encontro gardouse un minuto de silencio polo falecemento hai dúas semanas de Antón Ferreiro, fotógrafo habitual dos equipos do clube e autor do libro da historia do CD As Pontes.

Nova cortesía de Xose Ferreiro

También podría gustarte
Comentarios