Amigus
As Pontes

Pablo Illanes configura o retrato dunha muller brutal

Lendo elcorreogallego.es:
“Co rechamante título de Una muller brutal (Alfaguara, 2003) preséntase a primeira novela do chileno Pablo Illanes, que incursionara previamente no relato e o teatro e que, desde hai anos, escribe guións de teleseries para o Canal 13 da televisión do seu país. Valla lembrar que as radionovelas primeiro e as teleseries (os populares “culebróns”) despois foron fenómenos de grande impacto sociocultural en España e Hispanoamérica e que, como tema novelesco, deron lugar a algunha memorable novela de Manuel Puig ou de Vargas Llosa por citar dous ilustres nomes das letras.”…


…”Moi posiblemente do seu traballo como guionista obterá Pablo Illanes un coñecemento interno, a fondo _no directamente humano, na parafernalia da publicidade e no que acontece fóra da pantalla_ do mundiño dos actores que encarnan ós protagonistas desas teleseries atrapados sempre nun labirinto de paixóns, sempre capaces de nos sorprender cos máis inverosímiles xiros dos seus cambiantes destinos.
A esta estirpe de actores (actriz neste caso) na súa máis elevada escala pertence a “brutal” Bárbara Montoya, protagonista de Una mujer brutal, que xa no seu solpor (varada nunha cadeira de rodas, devorada polas drogas, fracasada sentimentalmente) vai reconstruindo a retazos a súa vida, centrada na súa ambición de chegar a estrela das pantallas e desfrutar do glamour da fama, a popularidade e o diñeiro. Dona dunha férrea vontade de ascender ó cumio, a súa gloria será efémera e á costa dun proceso de autodestrucción.
Pablo Illanes escribiu, de novo, unha novela de personaxe e pode dicirse que saíu moi ben parado do desafío de lle dar vida a unha muller a través dun personaxe inquedante, sempre en tensión, coas súas luces e sombras, con alternancia de dureza e fraxilidade, de éxito e fracaso. En suma, un ser humano zarandeado pola vida, incapaz de salvar os obstáculos e trampas que un contorno sempre hostil lle vai impondo día a día. O resultado é algo así como a pescada que morde a cola, pois a existencia de Bárbara vai trazando as liñas dun implacable culebrón sen que falte aditamento.
A sucesión de anécdotas que conforman a historia sostéñense nunha linguaxe narrativa realmente vigorosa, de dicción abreviada e cortante, moi directa. O novelista acerta no empeño de profundizar no personaxe, de revelar os seus diversos e opostos perfís, de lle conferir autenticidade humana tanto no interior como no externo. O resultado é que, desde a súa propia voz, no reconto da súa vida, o personaxe resulta plenamente convincente, como tamén o áspero contorno en que se move e no que todo exceso, toda paixón, toda destrucción teñen cabida. Una mujer brutal introdúcenos nunha zona _a do estrictamente humano_ dunha realidade da que só percibimos imaxes, da que só coñecemos os seus dourados perfís. Unha percepción e un coñecer incompletos e polo tanto falsos que a palabra e o poder narrativo de Pablo Illanes recrean máis alá do exteriorismo nun agre e devastador retrato.”
UNA MUJER BRUTAL
Autor: Pablo
Illanes
Editorial: Alfaguara
Ano: 2003
Fonte: elcorreogallego.es

También podría gustarte
Comentarios