Amigus
As Pontes

Os divertimentos da arquitectura do Camiño

Lendo elcorreogallego.es:
“Unha serie de fotografías en gran formato relativas a edificios emblemáticos do Camiño de Santiago, é unha das propostas presentadas polo fotógrafo alemán Roland Fischer no primeiro piso do compostelán Centro Galego de Arte Contemporánea.
Fragmentos arquitectónicos que, aínda ó viaxeiro máis esquecido, non lle resultan difíciles de identificar, a pesar de se presentar un tanto diluídos. Compoñen a parte dun todo; son edificios conformadores do Camiño; construccións sobre as que o obxectivo do fotógrafo incidiu poetizando no repertorio iconográfico acorde á súa sensibilidade.”…


…”Da catedral de Xaca lle seduce a portada occidental ó extremo de resaltar o crismón do tímpano unha vez máis todo o misterio alusivo á Santísima Trindade. Outras veces é o interior do templo. En Santo Domingo da Calzada será o retablo maior renacentista, que deseñase Damián Forment, o que reteña a cámara fotográfica ávida de sensacións emanadas da gran proliferación de elementos decorativos. Da catedral de Lugo escolle a capela barroca que deseñara e executase respectivamente Fernando de Casas Nóvoa e Miguel Romay, con ánimo de loar a imaxe-emblema da cidade, a Virxe dos Ollos Grandes. Poderíamos seguir deténdose na catedral de Burgos, San Isidoro de León ou a catedral de Astorga para desembocar finalmente na meta, a catedral compostelá, na que parou e recreou o artista coa cámara.
En todos os edificios da milenaria ruta da cristiandade católica as tomas de Fischer precen querer negar a claridade espacial coa que os arquitectos os concebiron para se converter en auténticas representacións arquitectónicas de tinxidura emocional. Unha arquitectura que en ocasións pretende anular a súa solidez, pero que logo se aviva gracias á dilapidación pictórica producto da colaboración desas outras disciplinas usadas, a pintura e a plasticidade escultórica.
Fronte a propostas xa espremidas en torno á fidelidade ó edificio retratado, á pura proposta meramente documental de ton obxectivo, Fischer investiga na liña doutros fotógrafos contemporáneos entre os que poderíamos citar a James Casebere ou Georges Rousse, en torno ó gran poder expresivo e efectista da manipulación fotográfica. Como eles, salvando as diferencias propostas individualmente, envorca no antigo xénero arquitectónico a súa subxectividade, a súa vivencia puramente interior, un relato diferente a todos os demais capaz de interpretar todos os interrogantes que trascienden ó adorno arquitectónico.
Nun labor semellante ó cubismo dislocadora da imaxe nos seus respectivos planos, Fischer aúna nunha mesma superficie partes interiores e exteriores da globalidade arquitectónica. Soportes e remates propios da arquitectura que rozan o límite da esvaeción pero sen chegar a fundirse nela totalmente, para non caer na pura abstración, pululan por doquier.
Ó mostrar no plano fotográfico o interior e exterior acrecéntase a sensación de percorrido, de movemento integral. Tomas que acrecentan o valor do tridimensional desde un medio que non o é; o fotográfico é pura bidimensión.
Se a arquitectura é pura materia, nestas fotografías aparece como soñaba; dotada de inmataerialiad semella unha ficción. Alardea dun decorativismo que por momentos nos lembra ó Art Nouveau ou a mestres do pasado manieristas que converteron os caprichos ofertados pola natureza en caprichos arquitectónicos. Arquitecturas inverosímiles que clamorosamente atraesen a ollada de Marinetti e os futuristas probablemente encantados coa aparente velocidade á que se suceden planos e arcos, cornixas e volumes arquitectónicos emanadores da vida, do pulso deixado polas xentes e peregrinos que acudiron a visitar ou venerar as imaxes de devoción. Arquitecturas recreadas pola paixón que o fotógrafo deponelas. Esas liñas queu parecen negar calquera canon clasicista mesturando elementos imposibles preséntanse como un auténtico desafío para a reflexión; unha meditación anticipada á chegada do Ano Santo.”
Fonte: elcorreogallego.es

También podría gustarte
Comentarios