Amigus
As Pontes

Nota de prensa XPAP: Xunt@s por As Pontes e En Marea buscan alternativas ao peche da térmica

Esta mañá a deputada de En Marea no Congreso, Yolanda Díaz, e o deputado de En Marea no Parlamento de Galicia, Pancho Casal, achegáronse ata As Pontes para presentar as iniciativas rexistradas para conseguir unha reindustrialización ecolóxica e unha transición enerxética efectiva para as zonas afectadas polo futuro peche das centrais térmicas, sobre todo en As Pontes e Cerceda. 

Dende Xunt@s por As Pontes, María Chao sinalou que o peche das térmicas se vai producir, tarde máis ou menos. É a nosa responsabilidade buscar alternativas para cando isto ocorra, e debemos poñernos a traballar antes de que sexa demasiado tarde. A pesares de ser moitas as iniciativas presentadas polos grupos municipais no Concello, o goberno local sempre as rexeitou ou non amosou un interese real por desenvolvelas. Por isto nos puxemos en contacto coas compañeiras no Congreso e no Parlamento, centros de toma de decisión política e reparto dos fondos. So traballando xuntas conseguiremos un futuro digno para a xente que vive no noso Concello e na Comarca.

Yolanda Díaz, deputada no Congreso sinalou que “somos conscientes de que ENDESA xenera moitos traballos directos e indirectos, temos que buscar unha saída dende o social para as comarcas afectadas”, e é por iso que estamos a traballar na Cámara Baixa para coñecer previsións do Goberno en transición enerxética e en relación ao peche das térmicas nun futuro. De feito, a deputada solicitou esta mesma mañá unha entrevista coa Ministra Teresa Ribero, tras falar telefónicamente co seu xefe de gabinete, Álvaro Abril, reunión que, con toda probabilidade se celebrará nas vindeiras semanas, na que se pedirá a reactivación do Fondos Miner, entre outras cuestións. De feito, Díaz destacou que no que atinxe aos Fondos Miner, o noso grupo pediu unha comisión de investigación sobre estas axudas que foi bloqueada cos votos do PP e PSOE, algo inaudito, con 15.000 millóns de euros que non foron empregados para desenvolver comarcalmente no eido social e económico.

Finalmente, Yolanda Díaz denunciou que “queremos saber cales son as actuacións respecto dunha necesaria intervención dende o público para xerar emprego e economías locais e comarcais. Temos que avanzar nunha liña participada, con propostas para ratificar unha transición que ten que ser coa xente dentro. Non nos podemos permitir o luxo de ter unha transición correcta, sen unha faciana social”.

Pola súa banda, o deputado de En Marea no Parlamento de Galicia, Pancho Casal, sinalou que a transición enerxética é un feito ineludible e non se pode facer o que está facendo o PP, que é poñerse de perfil. Non pode ser que o futuro de As Pontes dependa de decisións empresariais que nunca teñen que ver co emprego e con posibilidades de futuro.

Ademais, destacou que nas iniciativas rexistradas por En Marea tanto no Congreso dos Deputados como no Parlamento de Galicia, “presentamos unha estratexia: crear grupos de traballo coa participación social para desenvolver un plan estratéxico e dotar económicamente as conclusións do mesmo. Tamén é preciso, sinalou Pancho Casal,desenvolver unha estratexia de formación dos perfis profesionais para que a transición enerxética se transforme nunha verdadeira oportunidade. Un exemplo é o norte de Francia, os fondos europeos permitiron o desenvolvemento de novas alternativas económicas baseadas na economía circular. Son rexións máis ricas. Francia ten 4 veces máis emprego que cando dependía da economía do carbón.

As Pontes, 27 de setembro de 2018

 

Máis información en: www.xuntosporaspontes.com

También podría gustarte
Comentarios