Amigus
As Pontes

Unha nova estrada comunica As Pontes con Mugardos e Ares

El Correo Gallego. A conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes da Xunta de Galicia, María José Caride, inaugurou onte a nova estrada AC-563, que une o polígono Industrial de Vilar do Colo con Fonfría e coa AP-9, no municipio coruñés de Fene, e que facilitará dende hoxe a conexión entre os polígonos industriais das Pontes e a súa central eléctrica, coas instalacións portuarias de Mugardos.


A nova estrada completa as comunicacións dun importante nó de infraestruturas e facilita e mellora as condicións de seguridade viaria ós tráficos que se dirixen ás zonas de Ferrolterra, Eume e Ortegal.
O novo vial ten unha lonxitude de 3,849 quilómetros e transcorre polos concellos de Fene e Cabanas, e a súa construción supuxo un investimento de 11,3 millóns de euros. Nesta cantidade, segundo informou o departamento de Obras Públicas, inclúense dous millóns empregados na modificación do proxecto inicial para atender as demandas que presentaron veciños afectados polo novo vial.
A nova estrada conta con dous carrís de tres metros e medio de ancho e de beirarrúas. Ademais, dispón dun carril adicional de tres quilómetros para vehículos lentos. O vial incorpora ademais as medidas regulamentarias para protección de motoristas.
No acto de inauguración, a titular de Política Territorial destacou que a nova infraestrutura supón unha “vertente importante de comunicación do chan empresarial” e avanzou que permitirá “dotar de maior competitividade” o tecido produtivo das zonas de Ferrolterra e Eume.
Oportunidades de negocio
Caride asegurou que a nova infraestrutura, xa aberta ao tráfico dende onte, “vai cambiar as oportunidades de negocio de Ferrolterra e de toda a súa área de influencia”, na liña das actuacións que se realizan dende o ámbito municipal para desenvolver chan industrial, co obxectivo de “poder fixar poboación, en especial a máis nova, e poder desenvolver os proxectos empresariais” da bisbarra.
María José Caride repasou as distintas intervencións da Consellería de Política Territorial en infraestruturas na bisbarra de Ferrolterra, entre as que destacou a autovía AG-64 entre Ferrol e Vilalba, e a futura vía de alta capacidade do norte.

También podría gustarte
Comentarios