Amigus
As Pontes

A Mourela, váiselles

A CPTOPT está a acometer unha actuación de emerxencia na gabia da Mourela debido á inestabilidade dos terreos
Hai xa semanas que varias máquinas e traballadores afánanse na estabilización dos taludes da Mourela realizando operacións de gunitado, mediante as que tratan de evitar que a altura excesiva da gabia, remate con parte da Mourela derrubada.


Dende a Plataforma cremos que si ben a construción da gabia significaba a destrución da necrópole megalítica, esta operación non foi correctamente concebida en base á inestabilidade dos terreos, o que podería por en serio risco a integridade dos vehículos que algún día cheguen a transitar pola autovía. Os desprendementos que agora tratan de evitar poden producirse nun futuro non moi lonxano e as condicións ambientais rigurosas no inverno, poden propiciar asemade que debido ao excesivo da altura dos taludes, o marxe de penumbra da gabia sexa tan elevado que cando se produzan as xeadas de inverno, máis de un vehículo poida verse afectado mentres circula.
En previsión disto e tratando de garantir a conservación do conxunto funerario da Mourela, o Nadal pasado propúxose dende a Plataforma e ADEGA unha solución viábel, a construción dun túnel co que se compatibilizaba o paso da autovía coa conservación do lugar arqueolóxico e do círculo lítico. Era algo sinxelo, algo que se lle ocorrería a calquera e que mesmo recibiu o apoio inicial da Dirección Xeral de Patrimonio.
A solución que era técnica e económicamente executábel foi desbotada logo dun informe arqueolóxico, que aínda non foi feito público. En todo caso dende a Plataforma cremos que a teima da Administración por desbotar a solución do túnel, respostou máis a criterios economicistas que a condicionantes técnicos ou arqueolóxicos.
Hoxe, ao subir ao lugar da Mourela e ver o que alí está a acontecer, cuestionámonos:
Canto custou o desmonte da Mourela ?
Canto custou calar a boca da constructora por estar máis de un ano parados naquel punto ?
Canto custou montar ese paripé arqueolóxico para xustificar a destrución do conxunto megalítico ?
Canto custou que Patrimonio mirase para outro lado e permitise a destrución da Mourela ?
Canto lle custará ao pobo perder outro anaco máis do seu pasado ?
Canto custa que os veciños da parte de Momán teñan que dar un rodeo porque a alguén se lle ocorreu eliminar unha ponte do Proxecto Inicial ?
Canto lle custará ao pobo que o tráfico procedente do sur, a nosa comunicación con Castela e con Europa, chegue ao pobo por un camiño en pendiente que morre nun stop no medio dun polígono industrial ?
Canto están a custar as actuacións de emerxencia para a estabilización dos taludes excesivamente altos,  maiores incluso que os do Proxecto Inicial ?
Canto custaría facer un túnel co que se avanzaría nas obras do tramo, non se paralizarían os traballos durante máis dun ano e medio e permitiríase a salvagarda da necrópole megalítica da Mourela ?
Canto Máis ?

También podría gustarte
Comentarios