Amigus
As Pontes

O Fendetestas vence o derbi e apuntala a súa cuarta posición

[Diario de Ferrol, por Xosé Cendán] O Fendetestas tomou cumprida revancha das dúas derrotas pola mínima que colleitara a pasada tempada diante do Almallo Ferrol e coa victoria no derbi da fin de semana recuperou a hexemonía comarcal. O resultado final no Monte Medulio foi de 26 a 0 para os ponteses.


Os locais converteron catro ensaios no partido que lles supoñen, ademais, sumar un punto de “bonus” na clasificación. O Fendetestas seguen coa praga de baixas desta tempada, e tan só puideron contar con dous primeiras liñas para este partido, polo que deberon xogar cun “flanker” como “pillier”. Malia as ausencias -puideron contar con tan só dous trocos- resolveron xa o enfrontamento na primeira metade, e anque na segunda se repuxeron os visitantes, abondou unha boa defensa para non pasar apuros, e mesmo aumentar a vantaxe.
Os da casa foron superiores na dianteira, o que lles garantiu dispoñer de máis balóns, aínda que logo faltou fluidez nas transicións para poder ter vivido unha tarde máis cómoda. Se a isto sumamos o abrumador dominio nas fases estáticas, esta vantaxe na posesión do balón foi determinante para a diferencia final. Os puntos chegaron en tres transformacións de Kiko despois dos ensaios de Mariño, Flecha e Álvaro, este último en dúas ocasións.
Con este resultado rematou a primeira volta na competición de Primeira Autonómica, que deixa ós ponteses cuartos, a cinco puntos de Vigo, que é terceiro. O Almallo Ferrol, pola súa parte, é quinto, aínda que dispón de certa renda sobre as dúas últimas posicións. Precisamente serán os equipos peor clasificados os próximos rivais dos departamentais, que deben vencer para non perder terreo cos seus predecesores na táboa.

También podría gustarte
Comentarios