A CAMPAÑA DE VACINACIÓN ANTIGRIPAL E ANTIPNEUMOCÓCICA DESTE ANO 2007 COMEZA O LUNS 8 DE OUTUBRO E REMATA O 30 DE NOVEMBRO

[Sergas] O obxectivo é o incremento da protección fronte as complicacións derivadas de padecer a gripe e a protección fronte as enfermidades pneumocócicas. A vacina está destinada ás persoas de 65 ou máis anos, e a aquelas de menor idade que pertenzan aos grupos de risco.


A campaña de vacinación antigripal e antipneumocócica comezará o vindeiro luns 8 de outubro, e manterase ata o 30 de novembro. Ao longo destas semanas, as persoas de 65 ou máis anos e as pertencentes aos grupos de risco poderán acudir aos arredor de 1.000 puntos nos que se administrará a vacina. É importante que as persoas que acudan a se vacinar leven o carné de vacinación de adulto. Toda a información precisa pode obterse a través do médico de cabeceira.
A conselleira de Sanidade, María José Rubo Vidal; xunto co secretario xeral da Consellería de Sanidade, José Manuel Peña Penabad; e o director xeral de Saúde Pública, Ramón Medina González-Redondo, expuxeron esta mañá en rolda de prensa todos os datos relativos á campaña de vacinación deste ano.
A Sanidade pública galega procura con esta campaña aumentar a saúde da poboación en Galicia incidindo, especialmente nas persoas de maior idade, que son as que teñen un maior risco de padecer complicacións da gripe. Entre os obxectivos específicos, a Consellería de Sanidade establece conseguir unha cobertura de vacinación antigripal na poboación de 65 ou máis anos polo menos do 65 por cento; unha cobertura de vacinación antigripal nas residencias da Terceira Idade de polo menos o 85 por cento; e aumentar a vacinación dos traballadores de centros sanitarios e sociais nun 10 por cento respecto da campaña anterior.
A vacina supón evitar o padecemento da gripe e a pneumonía ou diminuír a gravidade desas complicacións, reducindo en moitos caos a hospitalización, e mesmo as mortes que poden ocasionar. Entre os beneficios calcúlase que a vacina antigripal ten unha eficacia de entre o 30 e o 70 por cento na prevención da hospitalización; e o 80 por cento de eficacia na prevención da morte por esta patoloxía. En relación coa vacina antipneumocócica, estímase entre o 56 e o 81 por cento de eficacia na prevención da enfermidade invasiva.
Para este ano 2007, a Xunta de Galicia comprou un total de 650.000 doses de vacina fronte a gripe e 30.000 de antipneumocócica polo sistema de compra de subministración sucesiva, que garante un abastecemento continuo e na cantidade que se precise para satisfacer as demandas que vaian xurdindo. A Consellería de Sanidade que dirixe María José Rubio Vidal lembra á cidadanía que conta con oito semanas -ata o 30 de novembro- para se vacinar, polo que non é necesario acudir de xeito masivo nos primeiros días.
Poboación que se ten que vacinar: maiores de 65 anos e poboación de risco.Ás persoas de 65 anos adminístranselle as dúas vacinas a antigripal e a antipneumocócica. Ás persoas de 65 ou máis anos, ofertáraselles a vacinación antigripal de xeito sistemático, e a vacinación antipneumocócica se non estivesen aínda vacinados fronte ao pneumococo. No caso das ou dos menores de 65 anos, adminístraselle aos grupos de risco de padecer complicacións derivadas da gripe con enfermidades crónicas, ou ben que se poidan descompensar co padecemento da gripe.
Inclúense nos grupos de risco da antigripal, as persoas con enfermidades crónicas cardiovasculares ou respiratorias, incluíndo asma; persoas institucionalizadas con procesos crónicos; as persoas con enfermidades metabólicas crónicas ou inmunodeficiencias; os nenos e adolescentes -de seis meses ata 18 anos- con tratamentos prolongados de aspirina; e as mulleres embarazadas durante a temporada de gripe.
Inclúense tamén os grupos con posibilidade de transmitir a gripe a outras persoas de alto risco, como os traballadores de centros sanitarios e sociais; e, tamén, as que desenvolven traballos esenciais para a comunidade, como policías e bombeiros; as que pola súa ocupación poden estar en contacto con aves; ou os viaxeiros internacionais. Pola súa banda, os grupos de risco da vacina antipneumocócica son aquelas persoas con patoloxías crónicas, como cardiovasculares, pulmonares, diabetes, ou enfermidades hepáticas, entre outras.
Un total de 1.000 puntos de vacinación.
Os puntos de vacinación de Atención Primaria pública son máis de 500 aos que se engaden os centros hospitalarios públicos; os hospitais, centros médicos e consultas médicas privados; as residencias e centros para a terceira idade de titularidade pública ou privada; as unidades asistenciais de drogodependencias; os centros penitenciarios; e os centros de atención a discapacitados, ata chegar aos ao redor de 1.000 puntos totais de vacinación.
A vía de administración destas vacinas é intramuscular. Ámbalas dúas vacinas son moi seguras e as reaccións que poden producir adoitan ser lixeiras e pasaxeiras. É importante que as vacinas queden rexistradas no “Carné de Vacinación do Adulto”, xa que se recibiron anteriormente unha dose de vacina antipneumocócica non precisan volver poñela; por isto, o paciente deberá levar ese carné. Se non o ten, o profesional sanitario entregaralle un destes carnés cuberto a cada unha das persoas vacinadas.
A composición da vacina antigripal é de virus inactivados e fraccionados. A composición adáptase aos virus circulantes cada ano. A vacina deste ano é diferente á do preparado do pasado ano. Este feito reforza a recomendación de que as persoas obxectivo da campaña deben recibir a vacina anualmente para estar protexidas fronte á enfermidade e as súas complicacións.
Vixilancia da gripe, unha tempada pasada de baixa intensidade.
A vixilancia da gripe en Galicia susténtase en tres sistemas de vixilancia. O Sistema Xeral de Notificación Obrigatoria de Enfermidades, que facilita datos ao longo do ano; a coordinación co 061, que rexistra as chamadas que teñen como motivo a gripe, a infección respiratoria aguda e febre, e que proporciona unha aproximación coa que se anticipar ao momento de maior incidencia da enfermidade; e, por último, os laboratorios de microbioloxía dos Complexos Hospitalarios de Ourense e Vigo, que caracterizan os virus que circulan.
Cada centro hospitalario ten tamén o seu plan de atención, cunha avaliación sistemática da situación, tendo en conta tanto o aumento da demanda na área de urxencias e da área de hospitalización para o que existen protocolos específicos. Segundo o sistema de notificación existente, a pasada tempada definiuse como de intensidade baixa. Galicia viviu por quinto ano consecutivo unha onda epidemiolóxica de baixa intensidade. O pico de maior incidencia foi en febreiro, tanto para Galicia como para cada unha das provincias.
Datos da campaña do pasado ano 2006.
Na campaña do pasado ano 2006, administráronse un total de 511.468 doses de vacinación antigripal, das que 362.414 foron a poboación de 65 ou máis anos, e 149.054 a menores de 65 anos. O pasado ano 2006 foi o terceiro ano con maior cobertura vacinal dende o ano 1999, e foi do 61,73 por cento. Con respecto á antipneumocócica, o pasado ano rexistráronse un total de 27.447, das que 22.882 foi a persoas de 65 ou máis anos, e 4.565 nas de menos de 65 anos.
Por último, para facilitar toda a información sobre esta campaña, a Dirección Xeral de Saúde Pública está a distribuír 3.800 carteis para a promoción da campaña, 115.000 folletos, e 125.000 carnés de vacinación do adulto. Ademais, no eido sanitario editáronse novas circulares cos protocolos e instrucións sobre a campaña (7.000), e talonarios de rexistro e prescrición (9.300). O investimento total da campaña ascende a 3.494.300 euros.

También podría gustarte
Comentarios