A instalación da planta de gas en Mugardos é unha irresponsabilidade, segundo ADEGA

Lendo galiciainformacion.com:
“A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) reiterou a súa oposición á instalación dunha planta regasificadora en Mugardos, na ría de Ferrol, pois entende que implicaría riscos inaceptábeis para o medio ambiente e para a integridade física da poboación que vive no entorno da ría ferrolá. ADEGA non cuestiona a planta en si mesma e a súa necesidade, mais considera que a súa ubicación en Mugardos constitúe unha irresponsabilidade e supón antepor os intereses privados do Grupo Toxeiro e do resto das empresas que forman REGANOSA á seguridade da poboación e á defensa do medio ambiente.”…


…”A instalación da planta regasificadora de gas natural en Mugardos estivo marcada até hoxe por feitos irregulares que revelan a impunidade coa que están a actuar os seus promotores. Segundo explica ADEGA nunha nota informativa, a planta situaríase a uns 100 m de Meá (Mugardos) e a uns 1.000 m da cidade de Ferrol, cando o Regulamento de Actividades Molestas, Insalubres, Nocivas e Perigosas estabelece, por motivos de seguridade, unha distancia mínima de 2000 m entre instalacións perigosas como esta e núcleos de poboación.
Segundo ADEGA, o Grupo Toxeiro foi autorizado a realizar un enorme e impactante recheo en Punta Promontoiro, recheo onde pretende instalar a planta. A superficie do recheo supera os 120.000 m2, 30.000 m2 máis que o autorizado. Ademais, utilizou como material de recheo grandes cantidades de residuos tóxicos e perigosos procedentes de Forestal del Atlántico (empresa pertencente ao Grupo Toxeiro), residuos que terían que ter recibido un tratamento especial.
O proxecto foi sometido a un proceso de Avaliación de Efectos Ambientais, cando de acordo coa lexislación tería que se ter sometido a un proceso de Avaliación de Impacto Ambiental, formalmente diferente, indica a organización ecoloxista.
Como resultado das denuncias formuladas conxuntamente perante a UE por ADEGA, a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN), o Comité de Defensa das Rías Altas (CDRA) e o Comité Cidadán de Emerxencia contra a Instalación da Planta de Gas en Mugardos, a Comisión Europea abriu un procedemento de infracción contra o Estado español por vulneración das Directivas relativas á avaliación de impacto ambiental e ao control dos riscos inherentes aos accidentes graves nos que interveñan sustancias perigosas.
Unha parte do gas producido pola planta sería utilizado como combustíbel para a produción de electricidade nas futuras centrais de ciclo combinado a gas natural de Sabón (UNIÓN FENOSA) e das Pontes (ENDESA). Se ben o gas natural é un combustíbel menos contaminante co carbón, cómpre suliñar que estas novas centrais non suporían o peche da central térmica de fuel de Sabón e da central de carbón das Pontes e implicarían polo tanto un aumento importante da contaminación. A central das Pontes xa é hoxe a maior “factoría de cambio climático” española e seríao aínda en maior medida coa construción da central de ciclo combinado, segundo informou ADEGA.”
Galicia Información
7 /1/04
Fonte: galiciainformacion.com

También podría gustarte
Comentarios