ALVARIÑO CONSIGUE O OURO POR EQUIPOS MIXTOS EN TURQUÍA

Xunto á súa compañeira Elía Canales

O arqueiro pontés Miguel Alvariño García logrou este domingo día das eleccións locais escribir outra páxina de ouro na historia do deporte pontés ao lograr, xunto á súa compañeira, a tarraconense Elía Canales, a medalla de ouro por equipos mixtos en Antalya.

E fixerono tras bater a Rusia, Osipova e Irdyneev, terceira marca da previa, por 5-3 na gran final.  E iso que comezaron atrás tralo 35-36 e 37-37 dos dous primeiros sets que poñían o 1-3 para os rusos, pero un 38-37 no terceiro set e un meritorio 39-37 no cuarto deron o ouro e o 5-3 definitivo. 

Con este metal dourado na Copa do Mundo Turquía 2019, Alvariño suma o seu terceiro ouro internacional de prestixio, tralo da final da Copa do Mundo México 2015, e o individual nos Xogos Europeos de Bakú 2015.

En Bakú tamén fora prata por equipos, tras perder con Ucraina, e tamén prata na Copa do Mundo de Medellín 2016 tras caer na final co gran Brady Ellison, máis experimentado. No Mundial Junior China 2013 tamén fora prata en equipos mixtos, neste caso coa vasca Mirene Etxeberria.  

Un prestixiosísimo bronce por equipos, ademáis, vencendo na loita polo bronce ao equipo italiano Campión do Mundo, se logrou nos Xogos do Mediterráneo Tarragona 2018, o segundo evento de maior repercusión tralos Xogos Olímpicos, e no que o gran Borja Prieto fora cuarto en Almería 2005 e sexto en Pescara 2009. Tamén lograra Alvariño o bronce por equipos xunto a Rodríguez e Pifarre nesa Copa do Mundo de Medellín en 2016.

En total, ao marxe doutros éxitos nada desdeñables, oitava medalla internacional de prestixio de Maikel, tres ouros, tres pratas e dous bronces.     

Nova cortesía Xose Ferreiro. Foto cortesía RFETA. 

También podría gustarte
Comentarios