A historia do debut literario da pontesa Anabel Alonso merecería figurar nun libro canda a estimulante colección de contos que reúne en Café só (Edicións Morgante). Hai un ano solicitoulle axuda a un amigo, o profesor ferrolán Alfredo Conde Mariñas, o seu parecer crítico sobre uns contos que viña de escribir. Sen dicirlle nada, este enviounos á editorial Rinoceronte, a quen lle entusiasmaron e vén de publicalos no seu selo creativo Morgante.
A historia da edición do seu libro quedou fóra, pero merecería incluírse.
Si, recoñezo que é ben curiosa. Foi unha sorpresa inesperada, como adoitan ser as sorpresas, non o podía crer. Ademais a rapidez, un venres chamáronme e o luns xa tiña o libro maquetado e a copia do contrato. Foi todo rápido, nunca o tería imaxinado
Café só e a súa primeira incursión literaria, un título metafórico sobre a soidade.
Certamente é un libro que fala da soidade, do sabor amargo como o café só, da incomunicación. Das dificultades de relacionarse, sobre todo para moitas mulleres.
Sen embargo, vostede non quixo facer un libro triste.
Iso tratei. A soidade non ten por que ser tráxica, a vida é así e o é para todo o mundo, con momentos bos e malos. Teño claro que a vida hai que vivila e tratar de gozala en cada momento.
Como naceron os contos?
Iso tamén é curioso porque hai tempo que escribo, pero o deixei unha temporada e na biblioteca das Pontes, onde traballo, fixemos un obradoiro de literatura. Eu en principio estaba alí como funcionaria pero me fun enganchando ás actividades e o último relato do libro escribino xa nese obradoiro, unha historia sobre a miña avoa. Na portada do libro sae a súa cociña e o seu vaso do café.
Este é o seu primeiro libro, haberá un segundo?
Non sei, xa me parece incrible, e marabilloso, que alguén gaste cartos en editar historias tal e como están as cousas. Pero sigo escribindo, iso si.
Como bibliotecaria está rodeada de libros, pero que significa para vostede a literatura?
A literatura é unha das mellores cousas da vida, algo terapéutico sen o cal tería sido máis duro soportar moitas cousas. Teño claro que son moito mellor lectora que escritora. Gústame o meu traballo non por estares rodeada de libros, senón por poder falar deles coa xente na biblioteca.
Cando se presenta Café só?
O 23 de decembro na casa Dopeso das Pontes. Alí estarei co meu amigo Alfredo Conde Mariñas e co poeta Eduardo Estévez.