As asociacións, Veiga da Areosa da Casilla e Pro-Feira Medieval traballan conxuntamente para poñer en marcha a celebración dos maios en As pontes

[aspontes.com] Ademais da Festa das Letras Galegas, e da Bahra Party, tamén esta fin de semana celebramos nas Pontes os Maios, unha festa popular de orixes ancestrais, de grande vistosidade coa que se celebra o final do inverno e a chegada da primavera.


Dúas asociacións, Veiga da Areosa da Casilla e Pro-Feira Medieval traballan conxuntamente para poñer en marcha unha festa que se desenvolverá ao longo de dous días, o sábado e mailo domingo, en horario de mañá e de tarde e cun dobre obxectivo, por unha parte, o de recuperar e difundir unha fermosa tradición, e por outra banda, recadar fondos para ambos os dous colectivos a través da apertura dun mercado no que se poderán adquirir desde obxectos decorativos, libros, menaxe do fogar, pasando por roupa e ata postres caseiros.
Ademais as Asociacións Veiga da Areosa, da Casilla,e Pro-Feira Medieval encargaranse da ornamentación do casco hisórico da Vila con flores de todas as cores, herbas, felgos, xestas e froitas e preparase unha estructura de madeira coas iniciais de Ramón Piñeiro López, autor ao que neste 2.009 se lle adica o Día das Letras Galegas.
A programación completarase coa celebración dunha carreira de triciclos para nenos e nenas de entre cero e cinco anos, o sábado pola tarde, e un certame artístico-literario no que poderán tomar parte todos os veciños que o desexen, e que deberán entregar os seus traballos o sábado, para xa o domingo dar a coñecer o fallo do xurado.
A Festa dos Maios estará aberta o sábado e mailo domingo, pola mañá, de dez a dúas, e pola tarde, de catro a oito.

También podría gustarte
Comentarios