Os traballadores de Einsa realizarán dous paros a vindeira semana

[Diario de Ferrol] Os comités de empresa de Einsa Print e de Ediciones Informatizadas convocaron dous paros a vindeira semana, un no centro de Pontedeume e outro no das Pontes, para protestar polos despedimentos e o recorte de dereitos que, segundo denuncian, está a realizar a empresa.


Os comités dos centros informaron onte de que o primeiro paro será o día 19, de 14.30 a 15.30 horas, na planta de Pontedeume, durante o que se celebrará unha concentración. O día 21 repetirase a protesta na planta das Pontes. Nos dous casos, os membros dos comités de empresa realizarán ademais senllos peches de 24 horas que se iniciará ó remate de cada concentración.
Segundo informaron os representantes sindicais, a empresa comezou nas últimas semanas a presionar a algúns dos traballadores para que aceptasen acollerse a baixas remuneradas. Ademais, denuncian que se despediu a dous empregados que non aceptaron esas condicións. Preto dunha decena de traballadores terían xa deixado a firma, segundo os seus datos.
Os presidentes dos comités tamén consideran que a dirección está a tratar de recortar os dereitos laborais conseguidos nos últimos anos grazas ás mobilizacións. Así, lembraron que a primeiros de ano lles presentaron un paquete de medidas anticrise que foi refusado polo persoal, xa que incluía traballar festivos sen remuneración adicional e con preavisos mínimos, entre outras cuestións. Pese ó rexeitamento da plantilla, engadiron, si se están a levar a cabo algunhas das medidas, como traslados de planta ou o establecemento de vacacións sen preaviso.

También podría gustarte
Comentarios