As Pontes acollerá este sábado a final do Certame Galicia Sonsfolk 2003.

A Praza de América será o escenario onde se vai decidir este sábado, 13 de setembro, o grupo gañador do certame Galicia Sonsfolk 2003, creado para dar unha oportunidade ós novos artistas e formacións que se adican á este estilo musical. Có festival das Pontes pecharase a edición deste ano, a quinta do certame.


Durante o verán celebráronse as semifinais. A primeira delas foi o pasado 1 de agosto na localidade de Arnoia, onde quedou clasificado o grupo “Chavrem”, de Vila de Cruces. En Noia tivo lugar a seguinte fase, da que saíu a formación “Lumia”, da Coruña. Tamén actuará o sábado “Balandraka” de San Sadurniño, que resultou clasificado na semifinal de Vigo, mentres que en Porriño celebrouse o pasado día 5 a derradeira fase, conseguindo pasar á final o grupo coruñés “Driade”.
Polo tanto estes catro grupos comparecerán diante do público pontés para dirimi-lo gañador desta quinta edición do Certame Galicia Sonsfolk, que ten como premio a posibilidade de facer unha gravación en disco compacto, con dez temas do seu repertorio, mentres que os restantes tres finalistas poderán gravar un cedé conxuntamente, con tres temas orixinais.
As actuacións terán lugar na Praza de América, este sábado a partir das dez da noite.
Fonte: Web Concello das Pontes

También podría gustarte
Comentarios