As Pontes, construíndo a paisaxe

lago-endesa.jpg
[Blog de Iván Puentes, alcalde de Fene] Movido pola curiosidade política, ademais de polo sentimentalismo, pois no lugar que hoxe ocupa a enorme mina estaban hai anos os prados nos que os meus avós alimentaban ás súas vacas, visitei esta semana, de xeito privado, ENDESA As Pontes. Xa coñecía a empresa, pero aínda non vira en directo o lento e impresionante traballo de inundación da antiga mina, traballo que dará como resultado no ano 2012 un lago artificial cunha superficie similar á de toda a zona urbanizada da cidade da Coruña.


Moitas veces o paso do tempo nos fai relativizar os feitos presentes. Estou seguro por iso de que dentro de non moitos anos veremos e valoraremos este espazo, hoxe destrozado dende o punto de vista ecolóxico, como unha das principais reservas de flora e fauna da zona. A antiga escombreira, de varios kilómetros de lonxitude e que hai pouco tempo era unha paisaxe case lunar, pode ser un bo exemplo, hoxe ten xa zonas de bosque e de lagoas absolutamente deliciosas, nas que abundan as especies vexetais e animais, fundamentalmente as aves.
Algúns científicos, totalmente independentes, apuntan xa á especial protección que este enorme espazo natural requerirá no futuro, chegando incluso a insinuar a súa incorporación ó Parque Natural das Fragas do Eume. Se todo marcha segundo o previsto, parece que ENDESA atinou plenamente na solución definitiva para a súa explotación a ceo aberto, pese ó escépticos que algúns éramos hai uns anos. Este espazo debe ser a partir de agora patrimonio de todos e todas.

También podría gustarte
Comentarios