AS PONTES RENDE HOMENAXE A DON ENRIQUE, CRONISTA OFICIAL QUE FOI DA VILA PONTESA

O-Cura-dos-Chaos.jpgOrganizado polo Liceo Recreativo e Artístico de As Pontes, este sábado terá lugar un acto conmemorativo con motivo do décimo aniversario do pasamento de D. Enrique Rivera Rouco, quen durante vinte anos fora cronista oficial da vila pontesa. O acto terá lugar ás once e media (11,30) deste sábado, 29 de setembro, no monumento adicado a el na rúa Presa de Alende á beira do río Eume.
Don Enrique, cariñosamente chamado o “Cura dos Chaos”, por nacer precisamente neste lugar preto da vila. Foi en plena guerra civil un 27 de xaneiro de 1938, sendo o segundo dos catro fillos do matrimonio formado por Jesús Rivera Cal e Cándida Rouco Corral. Despois de facer os primeiros estudos nas Pontes vaise ó seminario de Vilanova de Lourenzá. Logo de seren ordenado sacerdote, pasa a ser párroco do Freixo e Somede, despois de Lousada, en Xermade. Cando tódolos ponteses víano como párroco das Pontes, trala xubilación de Luis Villamarín e despois de catorce anos como coadxutor, o bispado de Mondoñedo noméao responsable das parroquias de Aparral, Freixo, Somede e Roupar.
Ademais do seu labor relixioso, Don Enrique tivo sempre unha inquedanza para recuperar a cultura e a historia da comarca pontesa. Foi autor do libro publicado en 1976 baixo o título de Historia de Puentes de García Rodríguez, o cal aínda hoxe segue a ser un referente na historia e patrimonio das Pontes. Trátase dunha obra monográfica na que se cita a historia, a cultura e as tradicións do pobo pontés. Esta importante labor de investigación cultural e histórica e outras publicacións serviron para que o concello das Pontes o nomeara Cronista Oficial da Vila o 4 de decembro de 1981. Don Enrique finou o 18 de setembro de 2002.
Seguro que numerosos ponteses acudirán a esta sinxela homenaxe, pois Don Enrique era moi querido e apreciado por todos, polo seu calado e desinteresado labor cultural, polo seu carácter de persoa de ben, dun gran sentido humano e bondadoso, que nunca dicía non cando alguén lle pedía un favor.


Nova cortesía de A.F.

También podría gustarte
Comentarios