Amigus
As Pontes

Bases da convocatoria de axudas as familias para a escolarización dos seus fillos e fillas para o curso académico 2012-2013

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

O Concello destinará un orzamento total de 12.000 euros ás axudas a familias para a escolarización dos fillos no vindeiro curso académico. Aquelas familias que desexen solicitar ditas axudas teñen prazo ata o próximo 14 de Xullo para presentar toda a documentación requerida na Oficina do Rexistro do Concello. As bases, a continuación, veñen de publicarse no BOP.


BASES DA CONVOCATORIA DE “AXUDAS ÁS FAMILIAS PARA A ESCOLARIZACIÓN DOS FILLOS E FILLAS” PARA O CURSO ACADÉMICO 2012-2013.
Exposición de motivos:
A constitución española,no seu artigo 39, considera a obrigatoriedade dos poderes públicos de asegurar a protección social,económica e xurídica da familia.
A Lei 7/1985, reguladora de bases de réxime local, no seu artigo 25.2k, e a lei 5/1997, de administración local de Galicia, no seu artigo 80.2.k, establecen a competencia dos municipios na prestación de servizos sociais e de promoción e inserción social.
Pola súa parte, o Estatuto de Autonomía de galicia lexitima a actuación lexislativa da Comunidade Autónoma no campo da protección da familia, infancia e adolescencia, nos títulos de competencia xenéricos de asistencia social e de promoción do desenvolvemento comunitario (artigo 27).
A lei 13/2008, do 3 de decembro de 2008 atribúe aos concellos, entre outras competencias, a creación e xestión dos servizos sociais de atención primaria. Do mesmo xeito, determinase en ambas leis que as administracións poderán conceder axudas económicas para apoiar o coidado de menores, paliar situacións transitorias de necesidade, garantir un mínimo de subsistencia e reforzar procesos de integración familiar e inclusión social.
A Lei 3/1997, do 9 de xuño, de protección xurídica, económica e social da familia, establece como un dos principios rectors da actuación dos poderes públicos, o de desenvolver unha política integral de apoio á familia que teña en conta as súas necesidades básicas, tales como a vivenda, a educación, a cultura e o traballo, aplicando a consecución destes fins medidas tanto preventivas como paliativas.
O artigo 5 da citada Lei 3/1997, atribúe competencias aos municipios en materia de protección á familia, infancia e a adolescencia, para que os Concellos actuarán directamente no ámbito familiar achegando recursos e prestacións ás familias que presenten aspectos carenciais.
O proxecto de axudas municipais escolares de libros e material escolar leva moitos anos desenvolvéndose no Concello de As Pontes, observándose un crecemento tanto na demanda como no seu orzamento. Van destinadas a alumnos/as matriculados en centros docentes públicos empadroados no Concello.
1º Obxecto da convocatoria
O obxecto da presente convocatoria municipal é a concesión de axudas ás familias para atender os gastos orixinados polo comezo do curso escolar, entendendo por tales a merca de material escolar e de libros para os cursos non contemplados no programa autonómico de gratuidade, sempre que non perciban outras axudas polo mesmo concepto doutros Organismos e/ou Administracións Públicas ou privadas.
2ª.- Persoas destinatarias das axudas.
Poderán ser beneficiari@s destas axudas os alumn@s empadroad@s no Termo Municipal das Pontes que vaian cursar calquera dos seguintes estudios: Educación Infantil, Educación Primaria, Educación Secundaria, Bacharelato, Ciclos Formativos de Grao Medio e Superior.
3ª.- Requisitos.
3.1 Estar empadroado/a no Concello das Pontes.
3.2 Que os ingresos anuais da unidade familiar non excedan os 350 €/ mensuais de renda per cápita, segundo a seguinte fórmula:
IUF = IB-A / NM
O cálculo dos ingresos da unidade familiar teñen en conta o número de compoñentes, así como o aluguer da vivenda.
Na devandita fórmula especificanse: IUF= Ingresos unidade familiar.
IB= Ingresos brutos. A= Aluguer. NM= Número de membros.
Por renda familiar entenderase a suma dos ingresos netos obtidos no ano 2011 por tódolos membros computables da unidade familiar, calquera que sexa a súa procedencia.
Para os efectos do cálculo da renda familiar, son membros computables da familia o pai e a nai, titor ou persoa encargada da garda e protección do menor, se é o caso, os irmáns que conviven no domicilio familiar, así como os ascendentes dos pais que teñan a súa residencia no mesmo domicilio.
No caso de divorcio, separación legal ou de feito dos proxenitores, non considerará membro computable aquel deles que non conviva có solicitante da axuda, sen prexuízo de que na renda familiar se inclúa a súa contribución económica.
3.3 Ademais dos criterios económicos, tomaranse en consideración outros factores como a idade, orfandade, desemprego ou incapacidade recoñecida do/da cabeza de familia, ter a condición de familias numerosas ou familias cuxo sustentador principal sexa viuvo, solteiro, divorciado ou separado legalmente ou de feito e outros condicionantes psicosociais.
3.4 Ter presentado solicitude de reserva para continuar no centro escolar ou solicitude de admisión para un posto escolar nun centro sostido con fondos públicos.
3.5 Terase en conta a situación familiar, previo informe dos Servizos Sociais do Concello, no caso de producirse algunha variación económica, social ou familiar durante o ano 2012.
4ª.- Contía das axudas.
A contía máxima das axudas será variable segundo o curso do que se trate, a tipoloxía da axuda (libros de texto ou material escolar) e a situación social, económica e familiar.
CURSO ESCOLAR CONTÍAS
Educación Infantil (0-3): Ata 60 €
Educación Infantil (3-6): Ata 140 €
Educación Primaria e Secundaria: Ata 80 € Material escolar.
Ciclos formativos: Ata 140 €
Bacharelato: Ata 150
Contemplase a posibilidade de financia-lo custo total do curso escolar sempre e cando as circunstancias económicas e socio familiares o xustifiquen, previo informe dos servizos sociais.
5ª.- Solicitude e documentación.
Serán requisitos necesarios para solicitar a axuda:

  • Presentar unha instancia no impreso oficial que se facilitará gratuitamente no Departamento de Servizos Sociais do Concello,na oficina do Rexistro do Concello ou na Páxina Web.
  • Fotocopia do D.N.I. de tódolos membros da unidade familiar.
  • Certificación de convivencia do padrón municipal.
  • Fotocopia do Título de Familia Numerosa, se fose o caso.
  • Fotocopia dos recibos de aluguer ou hipoteca de vivenda habitual, se fose o caso.
  • Certificado de solicitude de praza ou fotocopia da matrícula do centro onde o alumnado realice os seus estudios, no caso dos estudos non obrigatorios.
  • O alumnado que opte ás axudas de estudios nesta convocatoria, deberán presentar un Certificado do Centro onde estean matriculados, facendo constar a súa condición de Bolseiro/Non Bolseiro.
  • Fotocopia da Declaración da Renda do ano 2011. (Toda a unidade familiar) No caso de non estar obrigado pola Axencia Tributaria a presentala, deberá achegar unha declaración xurada na que conste esta circunstancia. Para estes casos, os ingresos anuais xustificaranse da seguinte maneira:
      • Fotocopia do certificado/s da/s pensión/s actualizadas, no seu caso.
      • Certificado do INEM, no caso de percibir prestación ou subsidio de desemprego.

6ª.- Lugar e prazo de presentación
As solicitudes en modelo normalizado e maila documentación aportada polas persoas solicitantes, deberán presentarse na oficina do Rexistro do Concello.
O prazo de presentación das solicitudes comeza ao día seguinte da publicación das presentes bases no Boletín Oficial da Provincial e remata o 14 de xullo.
7º- Comisión de valoración.
Aplicaráselles a tódalas solicitudes un procedemento de valoración. Para tal fin constituirase no Concello unha Comisión de avaliación e selección integrada por:
•Presidente: Concelleiro de Servizos Sociais ou en quen delegue
•Vogais: Dúas representantes do Equipo de Servizos Sociais
•Secretario/a: O secretario/a do Concello, ou persoa en quen delegue, con voz e sen voto
Os acordos tomaranse por maioría simple, resolvendo, en caso de empate, o/a presidente/a.
A avaliación das solicitudes realizarase aplicando o seguinte baremo:
Ingresos brutos per cápita mensual

  • 0,00-100,00 €: 8 puntos
  • 101,00-150,00 €: 7 puntos
  • 151,00-200,00 €: 6 puntos
  • 201,00-250,00 €: 5 puntos
  • 251,00-300,00 €: 4 puntos
  • 301,00-350,00 €: 3 puntos

Obterán un punto por cada suposto ata un máximo de tres puntos a unidade familiar na que exista algunha das seguintes situación:

  • Familia na que o sustentador/a principal se atope en situación de desemprego.
  • Familia numerosa.
  • Orfo absoluto.
  • Familia na que calquera dos membros da unidade familiar estea afectado/a por unha discapacidade legalmente cualificada, resida no mesmo domicilio e dependa economicamente dos ingresos familiares. A efectos do disposto neste parágrafo, terá a condición de persoas con discapacidade aquelas ás cales se lles recoñeza un grao de minusvalía igual ou superior o 33 por cento.
  • Familias na que o sustentador/a principal sexa vítima de violencia de xénero, debidamente acreditada.

8ª.- Resolución.
As solicitudes, logo da súa comprobación e baremación, serán aprobadas ou denegadamediante decreto do Concelleiro delegado de Servizos Sociais e Atención Cidadá.
Dacordo co establecido no artigo 58 da L.R.X-PAC a resolución de outorgamento ou denegación das axudas será notificada de xeito individual ós solicitantes, publicándose asi mesmo no Taboleiro de Anuncios do Departamento de Servizos Sociais.
9º.- Reclamacións.
Todas aquelas persoas ás que se lles denegara a presente axuda poderán, no prazo de 10 días dende a recepción da notificación individual, presenta-la oportuna reclamación e documentación que xustifique o motivo da mesma.
10º.- Pagamento das axudas e xustificación
O pagamento destas axudas realizarase por medio dun vale canxeable polo importe concedido nas distintas librerías do Concello Das Pontes. Ata o 28 de setembro.
11º.-Incompatibilidades.
Estas axudas serán incompatibles con calquera outro beneficio da mesma finalidade que poidan recibir de entidades ou persoas públicas ou privadas.
Os trocos na situación económica dos beneficiarios serán comunicados ós servizos sociais de base. De non facerse así procederase á retirada ou devolución da subvención.
As persoas que poidan ser beneficiarias dos programas de gratuidade de libros de texto poderán acollerse ás axudas para material escolar.
12º.- Orzamento.
Para este vindeiro curso académico 2012/2013, o Concello das Pontes ten previsto un orzamento de 12.000 € destinadas ó “Programa de Axudas ás Familias para a Escolarización dos seus fillos/as”.
13º.- Disposición final.
Para todo aquilo non regulado nestas bases estarase ó disposto na Lei 38/2003, de 17 de novembro, Xeral de Subvencións e Bases de Execución do Orzamento para o Exercicio 2012.
As Pontes a 19 de xuño de 2012.
O Concelleiro delegado de Servizos Sociais e Atención Cidadá
José Alén Alvarez
Bases no BOP

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios