BORJA PRIETO ACADA A VICTORIA NO K4 1000 METROS DA COPA DE ESPAÑA

Excelente resultado o obtido polo palista pontés Borja Prieto na Copa de España disputada este fin de semana en Verducido.
Na xornada de onte, en K1 1000 metros, na contrareloxo clasificatoria quedou 5º, por detrás de Javier Hernanz, Diego Cosgaya, Emilio Llamedo e Iván Alonso.
Xa na regata final foi cuarto a un paso do podio cun crono de 3:49:05, por diante del quedaron o tricampión mundial junior Diego Cosgaya, 3:44:93, Hernanz, 3:45:67, e Emilio Merchán, 3:48:68.
Pero na xornada de hoxe chegou a victoria no K4 que Borja compartía co campión olímpico Saúl Craviotto, Jaime Acuña e David Portela.


Na primeira semifinal gañaron por diante do cuarteto de Salamanca e Lipasam. Xa na final venceron ó cuarteto do Kaiak Tudense, nun man a man que se resolveu por pouco a favor do equipo madrileño que conseguiu vencer ó cuarteto que representou a España no último Campionato de Europa. O Piraguamadrid fixo un tempo de 2:57:43 por 2:57:74 dos de Tui. Máis alonxado chegou Aldán con 3:02:38.
Importante triunfo que se cadra outorga máis posibilidades para a posible inclusión de Borja nunha futurible embarcación de K4 de cara ó vindeiro Mundial.
Por equipos triunfo galego, primeiro o Kayak Tudense, segundo o Catoira, terceiro Palma e o PiraguaMadrid en décima posición.
Hai que lembrar que o pasado sábado na Copa Galega disputada en Portonovo Antonio Polo e Carlos Pedreira lograron a victoria en K2, e durante esta semana soubose que Serafín Fontao será o segundo adestrador da selección española absoluta de Kaiak Polo, namentres que Carlos Mieres adestrará á selección sub21.
Nova cortesía de Xose Ferreiro

También podría gustarte
Comentarios