Regatistas do CVF As Pontes volveron destacar no panorama internacional da vela lixeira durante a 64ª edición do Campionato do Mundo da clase Vaurien, celebrada entre os días 18 e 24 de xullo na localidade alemá de Travemünde, ás beiras do mar Báltico.
Na categoría feminina, o subcampionato do mundo foi para as regatistas do Club de Vela Fluvial As Pontes Alba Abril e Paula González, que completaron unha brillante competición para facerse coa medalla de prata. Pola súa banda, a tamén regatista do club pontés Jimena Abril, formando tripulación coa viguesa Mencía García, do Real Club Náutico de Vigo, logrou unha excelente terceira posición, completando así unha destacada actuación das deportistas vinculadas ao CVF As Pontes.
O Mundial de Travemünde reuniu un total de 60 tripulacións procedentes de nove países, nunha competición marcada pola esixencia das condicións meteorolóxicas e polo alto nivel dos participantes. Ao longo dunha intensa semana de regatas, as tripulacións tiveron que afrontar ventos cambiantes e xornadas moi disputadas para completar finalmente as 10 probas validadas polo Comité de Regatas.
Ademais do elevado nivel deportivo amosado na auga, o campionato estivo marcado por un excelente ambiente de convivencia e compañeirismo entre deportistas de diferentes nacionalidades, consolidándose unha vez máis como unha das citas máis importantes do calendario internacional da clase Vaurien.
Os resultados acadados polas regatistas do CVF As Pontes supoñen un novo éxito para o club pontés e confirman o gran momento que atravesa a vela lixeira na comarca, situando unha vez máis o nome de As Pontes entre a elite mundial desta clase.
Nova cortesía do Clube de Vela Fluvial As Pontes









Los comentarios están cerrados, pero trackbacks Y pingbacks están abiertos.