Carlos Iván Romero proclámase campión absoluto no I Torneo Concello de Cambre

O sábado 18 de agosto o clube Arqueiros de Cambre organizou o I Torneo Concello de Cambre para modalidades de arco recurvo, arco composto e arco tradicional. Dende o Clube Sílex desprazáronse a participar dous arqueiros Javier Vázquez Puga e Carlos Romero Faraldo, ámbolos dous na modalidade de arco recurvo.
Pola mañá realizouse a fase clasificatoria en dúas rondas de 36 frechas, nas que Javier Vázquez acadou 534 puntos que o colocaban na 6ª posición. Pola súa banda Carlos Romero púxose primeiro despois da primeira ronda con 309 puntos, e na segunda foi quen de batir o seu propio récord facendo 314 puntos. Con todo isto sumaba 623 puntos, mellor marca persoal, e que o deixaba primeiro na categoría de arco recurvo homes con 40 puntos de vantaxe sobre o segundo clasificado. Chegábase así ao final das tandas matutinas quedando para a tarde as eliminatorias por categorías e as fináis do trofeo absoluto.
silex_1.jpg


As eliminatorias comezaban en 1/16 de final para arco recurvo homes, onde os dous primeiros da clasificatoria pasaban directamente por non ter opoñentes. Javier Vázquez impúxose a Juan Villalba conseguindo pasar á seguinte ronda. En 1/8 de final non tivo unha boa actuación perdendo o seu enfrontamento contra Jose Luis Rodríguez, que chegou ata a final, quedando Javier finalmente na 9ª posición do torneo. Carlos Romero que comezaba as eliminatorias nesta ronda pasou sen apuros este primeiro envite por 4-0 fronte a Anxo Grandal D’Anglade. No seguinte enfrontamento, xa en cuartos de final, cun pouco de fortuna no primeiro dos sets volveu a gañar por 4-0 contra Diego Martínez colándose nas semifináis. Esa eliminatoria xa se fixo ao mellor de 5 sets (2 puntos por set gañado) tirando 3 frechas en cada un deles. Volveu ao nivel que tivo durante toda a mañá e non deu opcións a Elisardo Calviño a pasar á final. Nela mediuse a José Luis Rodríguez, de Arqueiros de Cambre. A final foi a culminación dun bo traballo para o eumés, quen seguiu a tirar como todo o día poñendo un 6-0 no marcador que o erixía como campeón do I Torneo Concello de Cambre na categoría de arco recurvo homes, sen perder ningún set en eliminatorias e onde había 30 inscritos.
Unha vez que remataron as fináis en cada categoría, as campionas e os campións de todas elas disputaron o trofeo absoluto, a 50 metros e sendo a puntuación por acerto ou fallo. Para a modalidade de arco tradicional o acerto eran o 10 e 9 da diana de 122 cm., para arco recurvo sería só o 10 na mesma diana, e para arco composto sería o superdez na diana de 80cm.
Parecía que sería máis doado do que os resultados dixeron ao final. Tras 15 frechas para decidir os dous finalistas, Carlos Moreira (arco tradicional) pasaba directamente coma primeiro clasificado con 3 acertos. Mentres Iria Grandal e Carlos Romero empataban no segundo posto con 2 acertos. O desempate realizouse frecha a frecha. Foron varias as que tiveron que disparar ata que Carlos conseguiu cravar unha no dez pasando a desputar a final contra Moreira.
A final co mesmo formato, e outras 15 frechas por diante, rematou con empate a 2 acertos tras un último disparo de Carlos Moreira que conseguiu impactar no amarelo da diana. Volvía a ter que se decidir por frecha de desempate. Nos tres primeiros intentos ningún dos dous foi quen de atinar. Na cuarta, empate de novo por acerto de ámbolos dous arqueiros. E na quinta frecha foi o do Sílex quen, cravando a flecha no dez, acadaba así de redondear a xornada facéndose co premio de campión absoluto.
silex_2.jpg
Nova cortesía do Club Sílex de Tiro con Arco

También podría gustarte
Comentarios