As Pontes e Mesón do Bento, os dous equipos xa ascendidos á Terceira División, xóganse esta tarde no Poboado o título de liga do grupo norte da primeira autonómica. Salientar que o Mesón do Bento visita o Poboado por primeira vez.
Pase o que pase na derradeira xornada de liga, ós ponteses válelles gañar esta tarde por máis de dous goles, xa que na primeira volta o Mesón do Bento gañou no seu campo por 3-1. Unha vitoria dos visitantes, o título sería para os de Ordes e, de producirse un empate, o campionato decidírase na xornada final de liga, na que o As Pontes visita ó Sporting Sada e o Mesón do Bento recibe no seu campo ó Flavia.
Co ascenso xa asegurado, os dous conxuntos saltarán o terreo de xogo do Poboado sen ningunha presión e coas gañas de ofrecer un bo partido, que se adianta á xornada do sábado a partir das sete da tarde (19,00) coa arbitraxe do lucense Fraga Torres.
A directiva do CD As Pontes declarou novamente xornada de portas abertas, polo que se espera unha importante presenza de afeccionados. Durante o descanso sortearanse agasallos para os máis pequenos.
XANTAR 50º ANIVERSARIO DO CLUB DEPORTIVO AS PONTES
Por outra banda, sinalar que para o sábado, 12 de xuño, será o xantar conmemorativo do cincuentenario do ingreso do CD As Pontes na federación de fútbol galega. Durante o mesmo renderase unha homenaxe a tódolos presidentes que tivo esta histórica entidade pontesa dende a súa fundación ata hoxe.
O xantar será nas propias instalacións deportivas do Poboado e a data límite para recoller os tíckets é o 2 de xuño, sendo 25 euros o prezo para os adultos e 10 para os nenos entre 9 e 12 anos e 3 euros ata 8 anos. Están convidados os corpos técnicos e os planteis de tódolos equipos do Club, ademais de representantes do concello das Pontes, da deputación da Coruña, Xunta de Galicia, federación galega de fútbol e Endesa.
Dentro dos diversos actos que o Club ten programados para a celebración do seu cincuentenario está unha exposición de fotos dos planteis do primeiro equipo de tódalas temporada que se pode xa ver no bar do campo do Poboado e que posteriormente trasladarase máis ampliada a unha sala de exposicións. Tamén están a venda uns chaveiros e caixas de viño co logotipo do cincuentenario.
Nova cortesía de A.F.