CD AS PONTES SANTA COMBA FC (0-0)
As Pontes e Santa Comba empataron a cero goles en partido da derradeira xornada da primeira volta da Terceira División disputado no campo do Poboado que rexistrou unha frouxa entrada de afeccionados, un pouco máis dun cento de espectadores en tarde fría.
As Pontes e Santa Comba rivalizaron en todo, en reparto de puntos, en que o seu xogo non foi nada vistoso e en que os seus atacantes apenas crearon ocasións claras de gol. O encontro estivo moi igualado, aínda que a iniciativa correspondeu ó cadro local, sobre todo na primeira parte, na que só hai que sinalar dúas ocasións de gol, a primeira sería para os visitantes por mediación de Kelvin no minuto 38 e outra para Iván González, que mandou o balón ás mans do meta visitante uns segundos antes de que o árbitro sinalase o final do primeiro tempo. Na segunda parte a tónica do xogo foi a mesma, aínda que houbo máis ocasións para marcar. No minuto 21 o público reclamou un penalti na área visitante por derribo de Iván González. David Amado, o atacante máis incisivo do As Pontes, tivo algunha que outra ocasión para adiantar ó seu equipo, sen embargo serían os da Terra do Xallas os que puideron alzarse cos tres puntos nos instantes finais do encontro, primeiramente nun disparo de Julián que rexeitou Simón, que estivo moi ben durante todo o partido, e no derradeiro minuto un lanzamento de Kelvin que deu na cepa do poste dereito da portería local. En resume, xusto reparto de puntos.
CD AS PONTES: Simón, Rochela, Moncho, Chote, Diego Piñeiro, Schuster, David Amado (Carba, 82), Iván González, Hugo Soto (Felipe, 64), Dani e David Vidal (Bossa, 64).
SANTA COMBA FC: Dani, Marcos, Lalo (Suso, 37), David, Gonzalo, Toni (Jota, 65), Pablo Baña, Julián, Kelvin, Anxo (Doro, 46) e Akeem.
ÁRBITRO: Non gustou a actuación do colexiado lucense Carballo Vázquez, que estivo mal auxiliado nas bandas por Cortón e Fraga. Recibiron o cartón amarelo o local Felipe e ós visitantes Marcos, Lalo e Jota.
Nova cortesía de A.F.