CELESTINO RODRÍGUEZ PAJÓN 1917-2007. OS ÚLTIMOS ARTESÁNS DE AS PONTES
Faleceu no día de onte. Co señor Celestino vaise grande parte dunha xeración de artesáns ponteses que traballaron a forxa e os metais. Fixérono coa mestría da experiencia xeracional dun oficio adeprendido das mans dos pais e avós, coa suor de longas horas a carón do lume e do facendoso bater dos mazos.
Foto Hugo Arias
Celestino naceu en Xuño de 1917, cando tantos recéns de As Pontes falecían froito da tifus e da gripe.
Era fillo de Antón Rodríguez Restrebada, dos mestres forxadores de Marraxón, que nacera no ano 1872 , esposo de dona Josefa Pajón Bellas que nacera á súa vez en 1887. Neto de Pastor Rodríguez, de Marraxón, que lle deu o alcume á familia dos Pastor e que traballou na segunda metade do século XIX, realizando obras e reparacións varias coma as desaparecidas cancelas ubicadas no adro da Igrexa parroquial. Ó obradoiro dos Pastor débense moitos aperos de labranza locais, balanzas romanas, e outros instrumentos de traballo, así coma cruces que coroan as espadanas de moitas das capelas de As Pontes, coma por exemplo a de Marraxón (http://www.amigus.org/web/archives/005610.php). Podemos dicir que esas cruces érguense hoxe máis ca nunca cara un ceo celeste onde xa vive Celestino.
En varias capelas, así coma nos fondos que se conservan na Igrexa parroquial, atesóuranse moitas outras pezas, coma candeeiros, campaíñas ou Cristos de mesa realizados pola idéntica feitura dunha mesma matriz.
Moitas son as facturas e reparacións que figuran nos libros parroquiais realizados por esta familia de forxadores, da que Celestino foi dos derradeiros.
Hai cinco anos facía o percorrido que fan os nosos maiores cando a memoria e o desgaste imperdoable do paso do tempo os regresa á nenez. Malia a todo iso, continuou, ainda mentres puido, batendo nos ferros no seu pequeño obradoiro cabo da Capela do Carme.
En Xuño cumpriría os noventa anos. Durante a miña etapa de traballo en As Pontes tocoume realizar o funeral doutro grande artesán local, o señor Anca, que xa xubilado confeccioaba pezas de madeira, entre elas, unha sela que lle merquei nun expositor da Feira do Grelo, e que gardo con agarimo nun estante do meu dormitorio.
No día de onte comunicábanme a nova do falecemento de Celestino, a quen cheguei a coñecer batendo algún que outro ferro con forza no seu obradoiro. Pasados os anos, topeino tamén escapado da casa, e recollino no meu coche cando a súa familia o estaba a buscar con preocupación. Subíu aquel día ó meu coche porque, dentro do seu estado, todavía lembraba que eu era o crego. Acordo ben de cómo se ría cando me identificaba e cómo aquel día, coa pillería dun neno, garimoso pero xigante á vez, botoume o seu característico sorriso, astuto e socarrón, que reservaba para cando se vía pillado nunha travesura.
Co mesmo agarimo, e coa impagable débeda dunha vida de artesán que nos legou, é de obriga, lembralo hoxe, neste día do seu funeral, dende o compromiso da realización dun extenso artigo pendente de facer- e profundo, que catalogue boa parte dos traballos da familia Pastor, así coma da presencia do seu obradoiro durante, polo menos, dous séculos na Vila.
Vaia esta breve reseña na súa memoria, a memoria de quen deixa unha obra que continúa a falar rebordante de vida. Hai tempo, Hugo Arias realizou unha fermosa foto das súas mans. Di o poeta que as mans son a manifestación máis xenuina do traballo e da vida e as de Celestino así o amosan.
Foto Hugo Arias
Xabier Martínez, nos derradeiros intres do Círculo Lítico.