Amigus
As Pontes

CLUB DEPORTIVO AS PONTES: RESULTADOS 29-30-ABRIL / 1-MAIO / 2016

Derradeira fin de semana de Abril e tamén primeira de Maio que nos deixa a salvación matemática do CD As Pontes por mor do empate do Sporting B, que salvou ó Coruxo e polo tanto tamén ó As Pontes.

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

Derradeira fin de semana de Abril e tamén primeira de Maio que nos deixa a salvación matemática do CD As Pontes por mor do empate do Sporting B, que salvou ó Coruxo e polo tanto tamén ó As Pontes.

O Cadete queda definitivamente no segundo posto, gaña o Xuvenil e empata o feminino. O Alevín A segue segundo, o Benxamín A celebra o seu título de Liga gañando na Barqueira, e un xenial Prebenxamín A garante quedar terceiro no grupo dos mellores. Tamén está terceiro o Prebenxamín B.

SEGUNDA AUTONÓMICA GALEGA (Ferrol)
CCRD Perlío – CD As Pontes “B” (2-1)

Perdeu o segundo equipo na súa visita ó Perlío (2-1). Comezou adiantándose o cadro de Fene por medio de Xabier Riobo, e o mesmo xogador ampliou o marcador no comezo do segundo. A cinco minutos do final recortou distancias Marcos Novo, pero non houbo tempo para máis e os de Paco López, novenos con 19, posición que garanten, pois Ortigueira, Estrella e Cebarca quedarán por detrás, despedirán a Liga recibindo ó Cariño, cuarto. Xogaron Rafita, Criado, Alex Cabarcos, Darío, Jandro, Totti, Pablo Ramos, Juan, Marcos, Guille e Rubén, saíndo despois Manu, Adrián e Jorge.

LIGA FEMININA F8 (D. Ferrol)
Mandiá CF – CD As Pontes (1-1)

O feminino empatou a un gol na súa visita ó Mandiá, co que son sextas con 57 puntos, e salvo sorpresa, finalizarán a liga nesa posición. Xogaron Paula Baamonde, Yolanda, Uxía, Nuria, Indira, Vicky, Xeila, Paula Castro, Carlota, Yara e Yaiza. As ferrolás adiantáronse no primeiro período por medio de Eva pero foi Xeila de penalti a dez do final, quen facía o 1-1 definitivo. Terceira xornada consecutiva marcando, e cuarto da tempada. Reciben ó perigoso Racing Ferrol, líder e xa campión con 31 triunfos por unha soa derrota.

PRIMEIRA GALEGA XUVENIL (D. Ferrol)
CD As Pontes – Galicia de Mugardos (5-1)

O Xuvenil venceu por 5-1 ó colista Galicia de Mugardos en partido disputado na mañá do domingo no campo principal do Poboado. Terceiros con 45 puntos rematarán a competición visitando ó San Sadurniño, sétimo. Goles de Alberte Ledo (2), David Rey (2), e Casas. Xogaron Lino, Antón, Andrés, Martín, Alex Blanco, Alex Cabarcos, Xose, Ayrton, Jandro, Alberte, Manuel, entrando despois Carlos, Iván, Rey, Iago e Casas.

PRIMEIRA GALEGA CADETE (D. Ferrol)
SD O Val – CD As Pontes (4-4)

O Cadete dixo adeus definitivamente á Liga. Empatou (4-4) por sorpresa na casa do noveno clasificado, O Val, algo lastrado polas baixas dos seus dianteiros Dani e Alberte, que unido á goleada do Portuarios ó Perlío (7-0) dálle a Liga ós ferroláns, pois os arlequinados suman 57 puntos por 54 dos azuis, co goal average a favor, a falta de unha xornada, na que os azuis recibirán ó colista, Galicia de Mugardos, antes de xogar a fase de ascenso coma segundo clasificado. Mateo adiantaba ós azuis, dous tantos consecutivos de Borja dábanlle a volta ó marcador, pero Bruno poñía o 2-2 antes do descanso. Ó pouco do segundo tempo Carlos poñía o 2-3 e Mateo un tranquilizador 2-4, pero dous goles de Adrián, un faltando dez minutos e outro co tempo cumprido, poñían o 4-4 definitivo. Xogaron Mateo Cociña, Alex López, David, Manuel, Bruno, Pani, Carlos, Javi, Mateo, Cazás e Chema, entrando despois Alex Barro, Germán, Diego e Jose.

PRIMEIRA AUTONÓMICA INFANTIL (D. Ferrol)
SRD Ánimas – CD As Pontes (1-0)

O Infantil perdeu 1-0 na súa visita ó Animas, con tanto de Óscar nos últimos minutos, co que finaliza a Liga noveno clasificado con 12 puntos. Xogaron Juan, Nono, Iván, Alex Riobo, Antonio, Xavi, Xan, Xoel Pena, Vicente, Dani, Joan, e despois Eloy e Marcos.

PRIMEIRA CATEGORÍA ALEVÍN (D. Ferrol)
CCRD Perlío – CD As Pontes (2-5)
CD As Pontes “B” (Descansou)

O Alevín A gañou 2-5 na súa visita ó que era terceiro clasificado, Perlío, con tantos de Hugo Blanco, Xose Paz, Alex López, Ismael Freire e un en propia meta, co que apuntala a súa segunda praza con 33 puntos, iso si, lonxe do primeiro, Eume, 37. Reciben ó Narón Freixo, oitavo. Descansou o Alevín B, o que aproveitou o Neda para voltar ó liderado tras gañar ó Ánimas B 0-3. Así teñen 40 puntos, por 39 dos ponteses, iso si, cun partido máis. Os azuis visitan a vindeira xornada a un perigoso Numancia, quinto con 33 puntos.

PRIMEIRA CATEGORÍA BENXAMÍN (D. Ferrol)
UD Cebarca – CD As Pontes (4-5)
CD As Pontes “B” – Meirás CF (3-6)

O Benxamín A venceu 4-5 na Barqueira, ante o Cebarca, nun encontro moi disputado e equilibrado ata o derradeiro minuto. Marcaron Israel Varela, Antón Varela (3) e Anxo Blanco. Xa campións, lideran con 46 puntos, por 40 do Val C, rematando a Liga recibindo ó Perlío, quinto. O Benxamín B, pola súa banda, perdeu na casa por 3-6 co Meirás. Tantos de Diego Lozano e Adrián Díaz (2), que empataron por tres veces o encontro, pero definitivamente venceron os de Valdoviño. Quintos con 25 puntos, rematan a Liga visitando ó CD Narón, cuarto con 36.

PRIMEIRA CATEGORÍA PREBENXAMÍN (D. Ferrol)
CD Narón – CD As Pontes (2-7)
CD As Pontes “B” – Racing San Pedro (7-4)

Xenial o Prebenxamín A, que gañou 2-7 ó quinto, CD Narón. Goles de Xoel Vigo, Paulo Cabaleiro, Nicolás Meizoso (2), Alexander Venancio, Xalo González e Diego Ortigosa. Sitúase terceiro con 35 puntos, a dous do Racing de Ferrol, que visita o Poboado na vindeira e derradeira xornada. Xa garanten a terceira praza como mínimo, pois sacan tres puntos ó cuarto Ánimas, co goal average a favor. O Prebenxamín B venceu por 7-4 ó Racing San Pedro, tantos de Iker Ares (2), Nacho Villasuso (2), Xandre Domínguez (2) e Felipe Riveira. Os ponteses son terceiros con 41 puntos antes de visitar ó Eume B, oitavo.

Nova cortesía de Xosé A. Ferreiro e A.F.

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios