CLUB DEPORTIVO AS PONTES: Resultados 7/8/9 – Marzo – 2014
DESPOIS DE CASE MES E MEDIO OS EQUIPOS DE BASE XOGARON NO POBOADO
Nunha fin de semana na que os equipos de base volveron a xogar no Poboado despois de mes e medio de facelo no campo dos Calzados, da Capela, houbo resultados para tódolos gustos, sendo o resultado máis doloroso a derrota do equipo de Terceira División, que parece afrouxar nas últimas xornadas, nas que só sumou un punto na súa visita a Negreira e perdeu no Poboado contra dous rivais directos pola loita na promoción de ascenso.
Primeiro foi o Pontevedra, que o goleou por 1-4 e na tarde do pasado domingo foi o Ordes quen se levou os tres puntos do Poboado ó gañar por 0-1 nun partido que non gustou a ninguén e que será mellor esquecer. Os da terra dos queiques sumaron así a súa terceira vitoria na historia dos 22 enfrontamentos entre os dous equipos no campo pontés, sendo o primeiro na tempada 1961/62, na Serie A Rexional (hoxe Preferente) con vitoria do entón Calvo Sotelo por 1-0. O Calvo Sotelo aliñara naquel partido xogado no Poboado o 25 de febreiro de 1962 a Man, Nené, Modesto, Barreira, Hurtado, Cayetano, Cruz, Lexo, Burgos autor do gol- Peci e Teruel.
Era adestrador do equipo pontés o coruñés Rodrigo Vaquero Casal. O Calvo Sotelo quedara campión do grupo norte da Serie A e na fase de ascenso quedou terceiro, por detrás de Foz e Bueu, equipos que ascenderon á Terceira División.
Na vindeira xornada difícil e complicado partido na casa do cada vez máis líder Boiro, e na seguinte a visita ó Poboado do Somozas, conxunto que nesta xornada goleou a domicilio ó Bertamiráns e ten pendente de xogar os derradeiros sete minutos do partido contra o Cerceda, encontro que ía gañando por 1-0 cando se produciu o fatal falecemento do seu presidente Manuel Candocia, polo que de sumar os tres puntos colocaríase na segunda posición a un só punto do Boiro.
Tamén dolorosa a derrota do conxunto xuvenil no Poboado ante o cadro do Val por 0-1, resultado que o coloca nunha complicada situación para manterse na categoría.
Sinalar que o equipo biberón non puido disputar o seu partido contra o Perlío por atoparse enfermos varios xogadores do conxunto de Fene. Rivas aproveitou para facer unha sesión de adestramento.
SEGUNDA AUTONÓMICA: SD Bertón – CD As Pontes B (0-3)
Gañou sen xogar o segundo equipo pontés por retirada do Bertón (0-3), e escala ata a cuarta praza con 37 puntos, por detrás de Cedeira (45), Neda (43) e A Capela (39), antes de recibir ó perigoso Ortigueira, sexto con 36.
LIGA GALEGA XUVENIL: CD As Pontes SD O Val (0-1)
Complicouse moito a vida o equipo xuvenil ó perder por 0-1 na final disputada este sábado ante O Val. Adiantáronse ós valexos ó pouco de comezar o encontro, tanto de Manuel Brandeiro, e a partir de aí adicáronse a conservar o marcador, e non lles foi mal. Non quere dicir que os azuis non tiveran as súas ocasións, como un centro chut dende medio campo preto do longueiro que salvou o meta visitante, un remate de Marcos que salva o porteiro e no rexeite Alex Fernández manda por alto, ou unha cabezada de Marcos que salvou milagrosamente Rafa. Pero non se moveu o marcador e o xuvenil dá dous pasos atrás. Conxo 27, Betanzos e O Val 25, e en descenso, As Pontes 23, Imperátor 16 e Fátima 10. A vindeira semana decisiva visita a Vilalba. Xogaron Ángel, Esteban (Caínzos), Jandro, Gonza, Marcos, Moi (Alex Cabarcos), Brais (Alex Fdez), Iván, Antonio, Rivas, Lucho (Tiny).
LIGA FEMININA: ACD Santa Mariña – CD As Pontes (3-0)
Patinou o equipo feminino na súa visita a Santa Mariña (3-0), incluso ós cinco minutos xa perdía 2-0, e non soubo aproveitar a derrota do Maniños ante o Neda (0-1). Si estivo listo o Mandiá que venceu 1-5 ó Mugardos e asalta a segunda posición. Intratable Racing de Ferrol 66 puntos, aínda que esta semana só puido vencer 3-2 ó Val B, Mandiá 48, Maniños e As Pontes 47 e San Sadurniño 46. As pontesas reciben ó Galicia de Mugardos, décimo segundo con 17 puntos. Xogaron Leti, Andrea Pita, Sara, Nuria, Andrea Montero, Paula, Lía, Patri Dopico, Xeila, Yara, Noelia Santalla, Alba e Uxía.
LIGA CADETE: CD As Pontes Gª Caranza B (5-4)
Xogado no campo dos Calzados
Moi ben o cadete que gañou ó quinto clasificado Galicia Caranza B por 5-4 en partido xogado no campo dos Calzados, e aproveitando o descanso de Cedeira sube á segunda posición. Intratable Ánimas con 30 puntos, As Pontes e Cedeira 22, Eume 21. Complicada visita o próximo sábado a Ferrol a xogar contra o líder, que a excepción dunha sorprendente derrota ante o noveno clasificado Numancia de Ares (0-1), conta todos os seus partidos por vitorias.
LIGA INFANTIL: Meirás CF – CD As Pontes (1-1)
Complicado inimigo o que atopou o Infantil no Meirás, pois o conxunto verde quitoulle cinco puntos a un equipo que so perdeu sete no que vai de Liga. O empate a 1-1 afasta definitivamente o cadro azul da loita polo título, aínda que poden conseguir a segunda praza da promoción de ascenso. Racing de Ferrol B 31, Portuarios 28 e As Pontes 26. O Galicia de Caranza B, quinto con 18 puntos visita o Poboado a semana que vén.
1ª AUTONÓMICA ALEVÍN F-8 (2ª Fase)
SDR Portuarios – CD As Pontes (3-3)
CD As Pontes B R. Ferrol D (2-0)
Gran empate do Alevín A na súa visita ó sétimo clasificado, Portuarios, 3-3, co que suma o seu segundo punto nesta fase final, antes de recibir ó antepenúltimo, O Val, que supuxo o outro punto da primeira volta. O Alevín B venceu 2-0 (goles de Jandro) ó Racing de Ferrol D. É sexto con 11 puntos visita ó derradeiro clasificado, que suma seis puntos, Rápido de Neda B.
1ª AUTONÓMICA BENXAMÍN F-8 (2ª Fase)
CD As Pontes – Gª Mugardos (3-1)
CD San Sadurniño – CD As Pontes B (2-2)
O Benxamín A venceu 3-1 ó Mugardos mentres que o Benxamín B empatou 2-2 na súa visita ó derradeiro clasificado, San Sadurniño, que só tiña tres puntos. Son oitavo e noveno con 17 e 15 puntos respectivamente, antes de descansar o A e recibir o B ó penúltimo clasificado, Eume Deportivo B.
1ª AUTONÓMICA PREBENXAMÍN F-8 (2ª Fase)
Narón BP Piñeiros – CD As Pontes (7-4)
CD As Pontes B R. San Pedro B (2-7)
Moi ben o Prebenxamín A na casa do líder Narón BP, que leva 20 vitorias de 20 partidos e que se impuxo por 7-4 ós azuis, que son sextos con 11 puntos, antes de recibir ó EFR Ferrol, que é terceiro na clasificación. O Prebenxamín B perdeu 2-7 co San Pedro B. Antepenúltimo con catro puntos, visita ó Galicia de Caranza D, quinto con 16 puntos.
Nova cortesía de Xosé A. Ferreiro e AF