Amigus
As Pontes

Concerto de Gradicela no ALOVI

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

Hoxe ás 19.00 horas no Auditorio Municipal ALOVI, teremos ó trio de música barroca Gradicela formado por Estrela Gómez, violino barroco, Valentín Novio, tiorba e Xurxo Lois Varela, viola de gamba.

gradicela.jpg


Máis datos sobre Gradicela:
O repertorio que hoxe imos interpretar fai un percorrido pola música para violino, gamba e/ou continuo do barroco francés e italiano.
A sonata é o nexo entre toda a música que hoxe interpretaremos.
Dentro do devandito programa que hoxe nos xunta e conxunta, a única peza que escapa aos rigores da sonata é:
“Variations sur la Sonnerie de Sainte Geneviève du Mont” escrita en 1723 e que principia o concerto.
Ésta foi inspirada polo continuo tanguer das campás da igrexa de Sainte Geneviéve.
O baixo continuo imita as campás e a viola e máis o violino fan as variacións libres sobre este obstinato.
A sonata a due de Cima pertence á colección “Concerti ecclesiastici” escrita en 1610, é unha das primeiras sonatas coñecidas e a primeria sonata para violino da historia.
Pertence ás sonatas chamadas “da chiesa” que eran aquelas que se pensaran para ser tocadas na igrexa tanto por ser de caracter relixioso como por teren unha escrita diáfana que permitía que fosen tocadas dentro dela sen que a resoanza fixera perder o discurso musical; neste conxunto de sonatas da chiesa pódense incluir a sonata de Fontana para violino e fagot, e máis a sonata de Albinoni. No caso concreto da sonata de Fontana o fagot é tocado pola viola da gamba facendo uso dun costume moi habitual do barroco que era usar un instrumento en troques doutro se a escritura o permitía. Estas dúas primeiras sonatas deste concerto conforman un bo exemplo da música italiana do primeiro barroco. Toda ela é unha música moi transparente e de vez é o resultado do continuo experimentar dos violinistas italianos na exploración das moitas posibilidades que o violino ofrece, podendo perfectamente competir en axilidade cos “cornetti” (corneta con furados coma se fose unha frauta, e instrumento de grande axilidade). O violino pasaría a principios do século XVII a ser un instrumento cortesán por méritos propios, sendo sen embargo no século anterior un instrumento tocado por vilegos, e de rústica feitura. Estas sonatas que hoxe imos tocar van amosando a evolución deste instrumento partindo das máis temperás de Cima e Fontana, pasando polo barroco na súa plenitude de Albinoni e chegando até a música serodia do op. 50 de Boismortier.
No caso da sonata de Albinoni estamos xa no esplendor do instrumento e a escritura convírtese neste punto nunha linguaxe moi específica do violino. Tanto é así que tocar tal sonata noutro instrumento sería unha tarefa case imposible de levar a cabo.
O compositor Albinoni (tristemente coñecido por un Adagio que non é seu senon dun italiano do século XX con moitas ganas de despistar) compuxo unha serie de sonatas para violino das que tocaremos unha non só por disfrutalas como é debido, senon tamén para demostrar que hai máis música alén dun Adagio para violín e cordas que non é seu. Máis que nada para que vexan que compuña unha música moi fermosa e moito mellor que aquela que erroneamente aínda hoxe se lle atrubúe.
Finalmente a tríosonata de J. B. de Boismortier é un claro exemplo dos gustos reunidos do barroco serodio. A música francesa desta época busca por unha banda a italianización e por outra afúndese na linguaxe musical francesa. No caso de Boismortier a música intenta parecerse á italiana e o compositor usa a sonata como xeito de escapar de formas francesas como a suite. Os movimentos teñen nome italiano e a escrita recorda moito á música da Italia deses tempos… e sen embargo sempre hai algo que nos leva de paseo por Francia antes de chegar a Italia… é un pequeno arrecendo que está algo escondido, pero que está.
Programa:
Variations sur la Sonnerie de
Sainte Geneviève du Mont à Paris > Marin Marais
Sonata a 2 per violino e violone > Giovanni Paolo Cima
Sonata nona a 2 per violino e fagotto > Giovanni Battista Fontana
Sonata prima a 2
per violino e continuo in Rem. > Tomaso Albinoni
Adagio
Allegro
Largo
Allegro
Sonate en trio Op. 50 nº6 en ReM
pour violon, violoncelle et basse continue > Joseph Bodin de Boismortier
Largo,
Allegro,
Larghetto (Siciliana),
Allegro
Gradicela:
Estrela Gómez, violino barroco
Valentín Novio, tiorba
Xurxo Lois Varela, viola de gamba

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios