CONCERTO DE OUTONO DE MÚSICA CORAL

Este sábado 19 celebrarase nas Pontes o tradicional concerto de outono de música coral, que organiza a Agrupación Coral Endesa As Pontes. O concerto, que comezará ás oito da tarde (20,00) no auditorio municipal Alovi conta co patrocinio do concello de As Pontes.
Neste xa tradicional concerto de agrupacións corais participarán, ademais da anfitrioa, que o vindeiro ano 2014 celebrará o seu 40º aniversario, a Coral Polifónica de Mera, de Oleiros, a Coral Bella Helenes, de Pontevedra e o Coro Matices, de Valladolid.
Cartel-concerto-coral.jpg


A Coral Polifónica de Mera (Oleiros) fúndase en abril de 1991 realizando a súa estrea o 1 de maio de 1999. Actualmente está formada por unhas corenta voces mixtas e está dirixida por Yanaisy Solis Galindo. Ó longo da súa historia leva realizado actuacións en numerosas cidades e vilas galegas, así como en Asturias, Castela e León, Cantabria e Portugal. Realiza catro festivais ó longo do ano na súa localidade de Mera, o de aniversario, o de xuntanza de corais, o de Santa Icía e o de Nadal e ten gravado varios programas para televisión.
A Coral Bella Helenes comeza a súa actividade en 1992 constituíndose como asociación coral no seo da Asociación de Amas de Casa Rías Baixas e en principio o grupo era exclusivamente feminino para despois en 1990 nacer unha coral mixta. Na actualidade está composta por 35 voces mixtas. Leva o nome de “Bella Helenes”, pois, segundo a lenda grega, Pontevedra foi fundada por Teucro, un dos heroes da guerra de Toia, e púxolle o nome de Helenes en honor de Helena, filla do rei Putrech e coa que casou despois. Ten actuado en diversas vilas galegas e Portugal e na televisión de Galicia. O seu director é Manuel Antonio Pintos, dende hai moitos anos moi vencellado ó mundo musical.
O Coro Matices nace en Valladolid no ano 1997 por iniciativa do seu actual director Paulino Rodrigo Manso. Participa xunto á Cofradía de la Vera Cruz na Semana Santa de Valladolid e dende o ano 2000 organiza a mostra polifónica popular “A orillas del Pisuerga”. No seu palmarés figuran tres segundos premios nos IV, VI e VII certames “Maestro Barrasa” de Valladolid. Acudiu, representando a España, á cuarta edición do maratón coral “Le Mondial Choral Loto-Québec”, celebrado en Montreal (Québec). O coro está formado por máis de corenta membros.
Moito máis antiga é a coral anfitroa, Endesa As Pontes, xa que foi fundada en 1974, polo que o vindeiro ano celebrará o 40º aniversario. Ten un amplo repertorio de máis de duascentas obras de polifonía clásica, música sacra, panxoliñas, habaneiras, música popular e folclórica. Nestes case corenta anos ten ofrecido máis de 500 concertos por diversas cidades da xeografía española, ademais de Suiza, Portugal e na República Checa no I World Music Festival de Praga, xunto a máis de vinte agrupacións musicais de dez países de tódolos continentes. O seu primeiro director foi Alfonso de la Torre Piñeiro e actualmente está dirixida por Olga Vigo.
Nova cortesía de A.F.

También podría gustarte
Comentarios