COPA DEPUTACIÓN DE A CORUÑA. AD MIÑO 1 (2) – CD AS PONTES 1 (4)

O conxunto pontés alcanza os cuartos de final nos que se enfrontará ó Deportivo de A Coruña B.

Impúxose con moito sufrimento o As Pontes na tarde de onte ó Miño, equipo da Primeira Autonómica, que igualou o partido no último supiro, na quenda de penaltis, cun Paco Fernández, que estivo salvador. Un equipo local no que había un vello coñecido, o pontés Borja Pereira, que saiu no segundo tempo.

E iso que os ponteses puideron adiantarse no primeiro minuto, nun disparo de Pardo, que saca coa man o porteiro, e o rexeite mandao Álvaro por riba.

Faltando un cuarto de hora para o descanso, Pardo fai un eslalon de banda esquerda á dereita, no que regatea a cantos rivais lle saen ó paso, pero o seu remate vai ó corpo do gardamallas (30´).

Tras unha falta na banda esquerda, o lateral esquerdo David Buyo, fillo do mítico ex porteiro madridista, case marca dun potente disparo, que salva in extremis Óscar, pero está coa caña preparada un listo Rubén Pardo para facer o 0-1 (35´).

Aínda así, a piques estivo de levarse un susto o As Pontes pois nunha arriscadísma cesión de David Prieto case marcar Fornos, que o tiña todo de cara, pero salvou Paco (40´).
A uns últimos minutos do primeiro tempo de domino local seguiulle un segundo período no que o Miño estivo case todo o tempo na área pontesa, con máis físico, e aínda así tivo perigosas contras o equipo hoxe de negro, como unha de Álvaro ou dúas de Pardo que non se chegaron a concretar satisfactoriamente.

Polos locais, Dani de cabeza a piques está de empatar no 69´. Nun mal despexe de Edi, quedou só Fornos, e voltou a intervir Paco (71´).

Moi ben o xogador, fillo de Juan Recemel, no centro da defensa, ensinándolles continuamente ós máis cativos, que hoxe eran moitos, toda a súa experiencia.

Canto máis pasaban os minutos máis sufría o As Pontes, que notaba o calor, as moitas novidades, e os poucos días de pretemporada, e nunha xogada que se lle van por banda a Buyo, volve estar atento ó quite Paco (75´).

Foi noutra falta rigurosa, das moitas que sinalou o colexiado na segunda parte contra o As Pontes, que quedaron tres xogadores locais sós entrando polo segundo pau, cousa que aproveitou Pablo para marcar con suspense de vaselina no último segundo ante a saída do gardamallas ferrolán.

Rematou aí o partido, e houbo que recorrer á quenda de penaltis, que comezaba mal para os azuis co fallo de Edi ante a parada de Óscar, pero Paco estivo inmenso con intervencións nos dous primeiros lanzamentos do Miño, que so puideron marcar o terceiro e o cuarto, pero polo As Pontes anotaron Buyo, Tara, Álvaro Rey, Pablo Rubio e quedou resolta a eliminatoria co 2-4.

O As Pontes, que vencera 1-4 ó Abellá na eliminatoria anterior, xogará os cuartos de final en Abegondo ante o Deportivo B, aínda que por clasificación da tempada anterior correspondería xogar no Poboado.

AD Miño: Óscar, Arume (Dani Ramos 45´), Ramón, Fornos, Pablo Filgueiras, Botana (Borja Pereira 73´), Pedro (Samuel 45´), Alex López, Virutas, Marcos, Pablo Balado.

CD As Pontes. Paco Fernández, Criado, Buyo, Edi, David Prieto (Alex Cabarcos 45´), Pablo Rubio, Marcote (Jandro 91´), Álvaro Rey, Rubén Pardo (Josiño 92´), David González (Tara 35´), Miguel Casas.

Goles: 0-1, Rubén Pardo (35´). 1-1, Pablo (94´).

Penaltis: Edi, para porteiro. Ramón, para Paco. 0-1, Buyo. Alex, para Paco. 0-2, Tara. 1-2, Samuel. 1-3, Álvaro Rey. 2-3, Fornos. 2-4 Pablo Rubio.

Árbitro: Martín Zakaryan, auliado por Tomás Lorenzo e Roberto Díaz. Amoestou a Ramón e Virutas polos locais, e a Buyo, Pardo, Edi e Miguel polos azuis.

Campo e Incidencias: Campo Municipal de Gallamonde. Unhas 200 persoas en tarde moi soleada.

Nova cortesía de Xose Ferreiro

También podría gustarte
Comentarios