Dous podios no Campionato Galego de Aire Libre e o quinto posto de Miguel Alvariño no Campionato de España Xuvenil

O sábado día 2 houbo participación do Clube Sílex en dúas citas importantes: Miguel Alvariño tiraba en Begur (Xirona) a clasificatoria do XXV Campionato de España Xuvenil de Aire Libre; e na Pobra do Caramiñal catro compoñentes se daban cita no XXXVII Campionato Galego Sénior e Veterán de Aire Libre, tres na categoría sénior e un na de veterán.
Adriano Romero (recurvo veterán), Xaquín Mira, Javier Vázquez e Carlos Romero (estes últimos recurvo sénior) foron os que tomaron parte na proba celebrada no Barbanza, que consistíu en 72 flechas de clasificatoria á distancia marcada na normativa internacional e un cadro de eliminatorias que ía dende cuartos de final tanto en sénior coma en veterán masculino.
Cto_Gal_Silex.jpg


Na clasificatoria dous dos nosos arqueiros remataron nos primeiros postos: Xaquín Mira foi primeiro seguido de Carlos Romero, sendo os únicos que superaron os 600 puntos na súa categoría. Tamén destacar o papel de Javier Vázquez, que superou a súa marca persoal e foi quen de colarse na fase final na oitava posición. Con isto Xaquín e Javier veríanse as caras na primeira das eliminatorias na que Xaquín non tivo piedade co seu compañeiro gañando por 6-0 o que deixou a Javier na oitava posición final do campionato. Pola outra banda do campo Carlos enfrontábase a Juan González (Lumelar – Ourense) ao que vencería por 6-2. En semifináis Carlos venceu a Francisco Area (Arco Narón) por 6-2 plantándose así na final. Mentres Xaquín tiña que chegar á segunda flecha de desempate con Iván Castro (Arco Ferrol), vencendo a este e facendo que ouro e prata xa foran cousa do Sílex.
Na final comezou Xaquín máis forte e collendo vantaxe rematou cun 6-2 favorable. Co que Xaquín Mira proclamouse Campión Galego Sénior Masculino e Carlos Romero Subcampión Galego na mesma categoría. Un gran éxito polas boas marcas que se rexistraron e por manter o nivel de concentración nas eliminatorias.
Na categoría de veterán masculino Adriano Romero non pasou a súa mellor tarde. Rematou cuarto na clasificatoria a 60 metros e perdeu na primeira eliminatoria, a de cuartos de final, quedando así na sexta praza final do campionato veterán.
Cto_Esp_Xuv_Miguel_Alvarino.jpg
Na Costa Brava, por outro lado, Miguel Alvariño sacaba todo o traballo feito nos últimos meses de adestramento. Cunha puntuación de 632 puntos en 72 flechas a 70 metros subíase ata a segunda praza da clasificatoria en Arco Recurvo Masculino, a poucos do primeiro clasificado. Isto deulle ánimos para afrontar con confianza e seguridade as eliminatorias, que comezarían o domingo 3 en oitavos de final.
A primeira delas foi contra o valenciano Sergio del Olmo, clasificado na 15ª posición e co que rematou en 3 sets por 6-0. En cuartos de final tivo en fronte a Diego Bernabé, 7º clasificado o sábado.
Foi unha eliminatoria moi desputada, tanto que ata se chegou ao empate a 5 puntos e tívose que decidir a unha soa flecha. Aí a sorte caeu do lado do madrileño cun 10 por un 9 de Miguel. Este resultado deixaba ao galego na quinta posición final no seu primeiro Campionato de España de categoría xuvenil. Un bo resultado e que invita a pensar que en próximas edicións se poida pelexar por algún posto máis alto.
Cto_Gal_Final_Rec_Senior_Home.jpg
Nova cortesía Club Sílex de Tiro con Arco

También podría gustarte
Comentarios