A estrada AC-862 pechará ao tráfico o vindeiro xoves no treito da central térmica das Pontes pola execución de obras para a súa adaptación á normativa europea de emisións

O corte coincidirá coa obra de mellora de pavimentación e servizos na Avda de Galicia, que comezará en breve.

A estrada AC-862, nas Pontes, pechará ao tráfico o vindeiro xoves no treito da contorna da central térmica, no que a empresa está a executar obras para a súa adaptación á normativa europea de emisións.

A funcionalidade desta estrada verase substituída polo trazado en variante que se está proxectando e cuxo importe de execución asumirá integramente Endesa, de acordo co convenio firmado entre Xunta de Galicia e a empresa en abril do ano pasado.

O Goberno galego vén traballando na redacción do proxecto constructivo da actuación, que xa está en fase de supervisión técnica. O investimento previsto é de 3,5 millóns de euros e nas vindeiras semanas prevese o inicio do procedemento expropiatorio, para posteriormente proceder á licitación das obras.

O proxecto que se redactou prevé que nos cinco primeiros meses se execute e adiante a posta en servizo dun primeiro tramo comprendido entre as dúas primeiras glorietas, que permitirá xa unha mellora importante nunha mobilidade das Pontes. O prazo total da actuación está en 18 meses.

Mentres tanto, sinalizaranse debidamente os itinerarios alternativos de acceso ao núcleo das Pontes.

Para transformación da central térmica de Endesa e adaptala aos requirimentos da directiva europea sobre emisións industriais, é necesario ocupar un treito da estrada autonómica que cruza as instalacións da eléctrica e que sae das Pontes cara Penapurreira e a autovía AG-64 (Ferrol-Vilalba). Trátase do treito situado entre a central térmica e o ciclo combinado de gas, cun tráfico orixinado, principalmente, polos accesos á propia factoría e como conexión coa autovía.

Esta actuación é clave para o futuro dunha empresa estratéxica para a vila, xa que lle permite acometer as transformacións necesarias para ser menos contaminante e cumprir coa normativa comunitaria sobre emisións industriais, o que lle posibilita poder prolongar a vida útil das súas instalacións e manter a actividade nas Pontes máis alá do ano 2020.

Con este propósito impúlsase a execución dunha nova vía que servirá de circunvalación do núcleo urbano das Pontes, separando a área industrial da zona residencial e mantendo, ao mesmo tempo, a conexión existente coa Autovía Ferrol-Vilalba. Así, construirase unha nova estrada alternativa á actual AC-861 que dará acceso ao núcleo das Pontes, de aproximadamente 1 km de lonxitude. O actual treito da estrada autonómica que discorre entre a central térmica e o ciclo combinado de gas converterase nunha vía de servizo de uso exclusivo para a central térmica.

Paralelamente, executarase unha rede de sendas de 2,5 km que garantirán a mobilidade sustentable dos veciños, con métodos alternativos á utilización do vehículo particular, a pé ou en bici. Ademais, construirase un aparcadoiro disuasorio nas inmediacións da Fundación Axencia Enerxética que estará, á súa vez, comunicado coa rede de sendas.

Fonte: Xunta

También podría gustarte
Comentarios