Amigus
As Pontes

EuroEume achegará a estudantes e público en xeral os conceptos de turismo responsable e comercio xusto

A asociación EuroEume levará a cabo o vindeiro venres, día 22 de xaneiro, en As Pontes a segunda sesión das Xornadas sobre Comercio Xusto, Consumo Responsable e Turismo Solidario. Este ciclo, que deu comezo o pasado mes de decembro, ten como obxectivo “dar a coñecer estes conceptos á poboación do territorio de cara a acadar unha maior concienciación da mesma á hora do consumo, fundamentalmente referido aos produtos turísticos e agroalimentarios”.


As xornadas distribúense en dúas quendas. Pola mañá, están destinadas aos escolares e terán lugar no Centro de Dinamización Empresarial de SEARA; mentres que pola tarde ao público en xeral e desenvolveranse na Biblioteca Municipal das Pontes.
O programa dará comezo ás dez da mañá coa intervención do responsable de Agroalimentaria do Eume, Ángel Lorenzo, que abordará os conceptos de “Comercio Xusto e Consumo Responsable”. A continuación, Tomás de los Santos, director de comunicación da organización non gobernamental Acsud-Las Segovias de Valencia explicará aos alumnos de centros educativos da comarca en qué consiste o turismo responsable. Entre as múltiples accións desta ONG está a organización deste tipo viaxes que dan a coñecer de xeito directo a realidade dos países do Sur. A xornada de mañá está previsto que remate á 13.30 horas.
Pola tarde, as charlas darán comezo ás 19 horas e alongaranse ata as 21 horas para rematar cunha pequena degustación de produtos da terra. O presidente da Coordinadora Galega de ONGs, Xosé María Torres, falará na Biblioteca Municipal pontesa sobre turismo responsable, dando continuidade ao programa que deu comezo o pasado 11 de decembro coa conferencia de Clara Raposo sobre a súa experiencia na tenda primeira tenda de comercio xusto que se abriu en Galicia “A Cova da Terra” (Lugo).
A asistencia é de balde e está aberta a todo o público interesado.

También podría gustarte
Comentarios