Exposición fotográfica da Fraga: 100 anos de romaría

[RTVi-As Pontes] 450 fotografías comporán a exposición “Cen anos de Romaría: Festa da Illa 1.904-2.004 Festa da Fraga”, que se inaugurará mañá mércores, ás oito e media do serán. A mostra quedará instalada no Mercado Vello ata o 30 de
Xullo.


Anabel Alonso e María Martín son as autoras da exposición fotográfica do centenario da Romaría do 25 de Xullo. O pasado xoves puxeron fin ó traballo de recopilación de fotografías, logrando reunir case cincocentas instantáneas, de diferentes épocas, principalmente desde o ano 1.920 ata o 1.990. Fotografías cedidas desinteresadamente polos veciños das Pontes que reflexan a evolución desta romaría popular. Do ano 1.990 ata os nosos días tamén haberá unha selección de imaxes. As autoras da mostra pedíronlle colaboración ós fotógrafos locais, e cada ún cedeu as instantáneas máis representativas desta época.
A fotografía máis antiga data do ano 1.920, e representa a unha familia de merenda na antiga Illa, posiblemente se tratase da familia Lage, alomenos unha das persoas que aparece nesa instantánea é membro desta familia. A fotografía cedeuna Carmen de Alexos, unha muller que, ó igual que outros moitos veciños, colaborou coas autoras da exposición cedéndolles varias das instantáneas que tiña pola casa.
O proceso de traballo seguido por Anabel Alonso e María Martín foi moi similar ó das dúas anteriores exposicións das que son autoras “A memoria do traballo” e “Os lugares da Memoria”. Primeiro houbo que localizar ás persoas que podían ter algunha imaxe desta Festa e logo fixéronse as fotografías dos orixinais. Posteriormente comezaría todo o traballo de catalogación das instantáneas, desde a preparación das imaxes para a exposición ata a selección de fotos para o catálogo que acompañará á mostra e dos que se editaron 3.000 unidades.
A exposición poderá visitarse entre as sete e as nove da noite ata o día 30 de Xullo. Os días das Festas o horario será moito máis amplo e incluso abrirá polas mañás.
aspontes.org
Gracias César

También podría gustarte
Comentarios