EXPOSICIÓN FOTOGRÁFICA “50º ANIVERSARIO DO CD AS PONTES 1960-2010”

Dentro dos diversos actos que ven organizando o Club Deportivo As Pontes con motivo da celebración do cincuentenario do seu ingreso na Federación Galega de Fútbol no ano 1960, mañá martes, un de marzo, inaugúrase a exposición fotográfica que estará aberta na sala de exposicións do Mercado Vello ata o día 8.
Na mesma reflíctese en fotografías a vida dun dos clubs históricos do fútbol galego, non xa a nivel de competición oficial, senón dende a súa fundación no verán do ano 1933 cando se fundou o primeiro equipo na localidade pontesa, o cal durante case trinta anos disputou partidos amigables contra equipos de localidades veciñas, como Ortigueira, San Claudio, Cuíña, Viveiro, Vilalba, Mondoñedo, Cedeira, Ares, Ferrol, Lugo, etc.
Terían que pasar case trinta anos para que o Club tomase vida oficial pasando a chamarse Calvo Sotelo, logo Endesa As Pontes para finalmente recuperar o seu primeiro nome, Club Deportivo As Pontes, o cal retornou á súa categoría, a Terceira División, precisamente no ano do seu cincuentenario.


Máis de cincocentas fotografías dos planteis do primeiro equipo e das categorías de base, dos dez presidentes que tivo a entidade dende 1960, do campo do Poboado na actualidade e no día da súa inauguración, de homenaxes e outros acontecementos que a moitos ponteses volveraos a tempos pasados con ledicia, pero ó mesmo tempo con moita nostalxia. Tamén están expostos medio centenar de trofeos, bandeirolas de equipos ós que se enfrontou nestes cincuenta anos, placas e as camisetas que tivo o Club ó longo da súa historia, dende a branca e verde do CD Puentes, pasando pola branca e vermella do primeiro Calvo Sotelo ata a azul actual do As Pontes.
A exposición permanecerá aberta ata o día 8 de marzo e pode ser visitada de 11,30 a 13,30 e de 18,00 a 20,00 horas.
Por outra banda, salientar que en próximas datas sairá á venda un libro sobre a historia do Club dende a súa fundación en 1933 ata hoxe.
CD-As-Pontes.jpg
Nova cortesía de A.F.

También podría gustarte
Comentarios