FALAMOS CON FELIPE MIERES FERNÁNDEZ

Repasamos co ex adestrador do equipo xuvenil 40 anos de vida ligado ó mundo do fútbol

Todos nos quedamos co Felipe Mieres Fernández (La Pola de Gordón 1967), que tras 40 anos ininterrompidos ligado ao mundo do fútbol como xogador e adestrador, dirixiu estes últimos anos ás categorías inferiores do CD As Pontes, concretamente ó Xuvenil. Anteriormente incluso chegou a dirixir ao primeiro equipo na Preferente Norte, na campaña 2008-09. 

Tamén coñecemos a Felipe polo seu irmán Javier, que gañou o Descenso do Sella, seu outro irmán Carlos, que xogou dous Mundiais (Xapón 2004 e Holanda 2006) e un Europeo (Madrid 2005, cuarto) coa Selección Española de Kaiak Polo, ou recentemente pola súa sobriña Malena, porteira flamante Campiona de Europa sub19 hai catro meses en Suiza.

Pero pouco sabemos do Felipe Mieres futbolista, do seu paso polo club pontés, e do resto da súa carreira nos campos de fútbol. Con un título de Liga de Ferrol Alevín, 1979-80, e Infantil, 1981-82 (daquela as idades destas categorías eran outras), e tras pasar polo Xuvenil, co que gaña a Liga de Ferrol en 1983 e chega a xogar na Liga Galega, Felipe estivo ata catro temporadas no primeiro equipo pontés, nuns tempos de moito nivel e competencia.

“Da miña época na canteira recordo que gañábamos moitas veces (risas), viaxes en bus, un ascenso á Liga Galega Xuvenil, charlas despois dos partidos no Fornos vello con Calpita, incluso os que xogamos no equipo B hai uns 25 anos facemos unha comida tódolos anos. Recordo compañeiros como Suso Placas, Bouza, Manuel, Zoquis, Balles, Rochela, Ramiro, Facundo, e como referencia poderíache dicir o meu amigo Basoa, que subiu ó primeiro equipo un ano antes ca min. Aínda a pesar do gran nivel e competencia, tiñamos posibilidades de xogar pois daquela era obrigatorio aliñar a dous sub20 en cada partido”. 

Un moi xove Felipe, con apenas 17 anos, debuta no primeiro equipo na campaña 1984-85. Chega a xogar tres encontros no tramo final de Liga, ante o Barco, Club Turista, e Alondras. Esa sufrida campaña remata o As Pontes 17º clasificado da Terceira División con 31 puntos, en principio salvándose polo goal average nun empate a puntos co Club Turista.

Semanas despois, a salvación rematou sendo máis folgada, xa que co ascenso a Segunda B de Lalín e Ourense, esa campaña só baixou de categoría o colista Noia, salvándose tamén Turista e Lemos. 

“Tiven moi bos adestradores no primeiro equipo do As Pontes, como Jose López ou Gerardo Molina, pero quédome con Saro Palleiro, que foi moi importante para o club, e tamén con Pontoni, no Vilalbés, xa que ambos me marcaron moito. Na miña época na canteira quédome sen dúbida con Calpita, en letras maiúsculas. Eu non destacaba en ningunha faceta, pero era moi completo, soia actuar de extremo ou dianteiro, pero incluso cheguei a xogar de central. Eu adestraba moito e era constante e disciplinado. O peor que tiña, é que era moi introvertido, o que non me axudaba nada”. 

Máis exitosa é a seguinte campaña, 1985-86, na que Felipe xoga 17 partidos, marcando un gol de cabeza no Poboado ante o Flavia (2-1), nun ano histórico para o As Pontes, no que remata segundo clasificado da Terceira División, por detrás do Lugo, e xoga a fase de ascenso a Segunda B. 

Tras gañar á Cultural Leonesa por penaltis, cae ante o Polideportivo Almería, 1-0 no Poboado e 2-0 en Andalucía. Sen embargo, o As Pontes debería haber ascendido esa campaña, por aliñación indebida do equipo almeriense, pero debido a presións políticas e ó ser Almería unha gran cidade o ascendido definitivamente foi o equipo andaluz.

“Fíxate, dese partido en Almería recordo que no estadio había preto de 15000 persoas para unha promoción de ascenso a Segunda B. Impresionoume moito e iso que non xoguei (risas). Podo dicir con orgullo que xoguei en Riazor, Balaídos, Pasarón, o antigo Manuel Rivera, hoxe A Malata, Ipurúa, en aquel 0-2 ó Eibar en 1987, ou o antigo Antonio Amilivia de León”. 

A campaña seguinte, 1986-87, o Endesa queda Campión, con vinte triunfos e só catro derrotas, xogando dez partidos Felipe nos que anota un tanto nun 4-0 ó Boiro. Casualidades do destino, coas moitas peripecias que pasara o equipo azul a campaña anterior, nesta, ascendeu con ata catro postos de ventaxa na clasificación.

I é que por reestruturación da Segunda B, subiron nin máis nin menos que ata cinco equipos galegos de Terceira, o gañador Endesa, segundo Arenteiro, terceiro  Lalín,  cuarto Bergantiños e quinto Arousa. Quedou a un punto o Compostela.

“No primeiro equipo do As Pontes aprendín moitísimo, abandeirado por calidade estaba Nando, pero tamén Pereira, Alfonso, Rojo, Alfonso Castro, Juan Recemel, o pai de Edi, ou o porteiro Javi eran moi bos xogadores, e como persoas marcáronme moito Falo, Bandín ou Luis Ángel, que tampouco eran coxos. O mellor recordo foi ese meu primeiro partido contra o Barco, coa familia e os compañeiros xuvenís na grada, nunca o esquecerei, e tamén me acordo dun gol que marquei no día que se inaugurou o alumbrado do Poboado e ademais gañamos 1-0 a todo un Deportivo da Coruña. Eu, que era de poucos goles (risas)”.   

A última temporada de Felipe no Endesa foi a 1987-88, e xoga nesta histórica primeira campaña na Segunda B, na que o club estivo nove temporadas en dúas etapas, seis partidos, os dous de Copa ante o Lalín do daquela porteiro Luis César Sampedro, e na competición ligueira, ante o Durango, Ponferradina, Bergantiños e Basconia. 

Nesta temporada memorable para o club, remata o Endesa nunha magnífica décima praza. Curiosamente o campión de Liga fora o Éibar, e si, no campo do ascendido equipo eibarrés gañara o As Pontes 0-2 un 27 de Setembro de 1987, goles de Rojo e o mítico Alfonso. 

Tralo paso polo As Pontes xogou na Preferente Norte, dúas campañas co Racing Vilalbés e unha co Santaballés, na Primeira Rexional, dúas campañas no Roupar, equipo co gañou unha Copa Deputación de Lugo, e unha campaña no Valadouro e Somozas, e tamén na Segunda Rexional, dúas campañas no Cariño e unha no propio As Pontes B nunha gran tempada que finalizou cun subcampionato de Copa, perdendo na final contra O Val 0-1. 

“Fíxate, no Vilalbés tivemos a sorte de xogar un amistoso de pretemporada contra o Betis, e puiden xogar contra Poli Rincón, Calderé, López Ufarte, Jose Luis, ou no seu día contra Loren e Pello Uralde do Deportivo. Sendo novo xoguei contra uns irmáns que comezaban a destacar no Fabril, un tal Fran, e Jose Ramón, e xa de veteranos puiden xogar contra os ex célticos Gudelj e Karpin, que impresionaban”.

Retirouse ós 30 anos, pero máis adiante destacou co Santaballés, nos Veteranos, cos que gañou catro Ligas provinciais de Lugo, sendo dúas veces máximo goleador, e co mesmo equipo gañou catro Ligas e tres Copas de Veteranos de As Pontes. 

Xa como adestrador foino do Cabreiros, cinco campañas na Segunda Rexional, e catro no Xermade e tamén no Roupar, dúas na mesma categoría, e dúas en Primeira Rexional, ascendendo con ambos equipos. Tamén entrenou ao Muras na Primeira Autonómica, e chegou a adestrar ao As Pontes na Preferente Norte na campaña 2008-09, e xa no último tramo seis temporadas nos xuvenís. 

“Como adestrador, cando son pequenos intentamos que os rapaces aprendan todos os conceptos do fútbol, tanto defensivos como ofensivos, pero sobre todo que entendan o xogo que é o máis complicado. Xa dicía Johan que o fútbol se comeza a xogar coa cabeza e non cos pes. Falo de Cruyff porque foi un referente. Eu son máis partidario do fútbol combinativo e de saír xogando dende atrás, como Guardiola ou Setién, pero entendo que todas as formas de xogar son válidas para gañar”.

 “Os rapaces primeiramente teñen que estudar, e nunca me importou que se faltara a un adestramento por iso, logo sempre se intentan fomentar valores como o compañeirismo, solidariedade ou respeto, para que aprendan a ser persoas. Nos meus equipos sempre houbo multas por tarxetas por protestar, e tamén por impuntualidade (proporcionais á idade), fírmanse os adestramentos, e tamén por turnos os rapaces teñen que preparar e recoller o material usado nos entrenos. Os educadores son os pais, e nós, como tamén os seus profesores, un complemento a esa educación”. 

Os seus maiores logros ao mando do banquiño foron un ascenso a Primeira Autonómica co Roupar e co Xermade, e co xuvenil pontés á Liga Galega, equipo co que tamén gañou unha Copa de Ferrol e unha Copa Afaco no final da súa etapa. Tamén conseguiu cinco veces a Copa Concello de Xermade, e foi elixido mellor adestrador xuvenil nos premios Voltaaria 2015.

“De xogadores que pasaran polas miñas mans, da miña época de adestrador do equipo xuvenil pódoche falar da calidade de Sergio Otero, aínda que estivo pouco tempo conmigo, e tamén Josiño, que si lle pon máis carácter e mellora defensivamente pode ser un xogador de futuro. Tamén nos últimos anos pasaron xogadores moi bos polo xuvenil, como Jaime Leira, Cristian Quintans, Andrés Pita, e actualmente Breijo, Vilela, Chema, David Otero e Pablo están chamados a ser importantes no club. Fíxate, unha cousa que sempre me deu lástima é que eu adestrei a equipos de Primeira e Segunda Rexional, e polas miñas mans pasaron xogadores da canteira do As Pontes, que igual como non tiñan oco no primeiro equipo, ao final algúns deixábanse levar ou perdían a ilusión, e era unha magoa porque moitos tiñan calidade e condicións para seguir progresando en clubs máis modestos e poder acabar xogando en Preferente ou incluso Terceira”. 

“Dos mellores momentos, quédome cos ascensos que tiven co Roupar e Xermade, en ambos casos, con varias xornadas para acabar a Liga, e coa gran tempada que fixemos o ano pasado co Xuvenil, con só tres derrotas en todo o ano, cunha fase de ascenso con doce goles a favor e ningún en contra e ademáis rematada gañando na final de Copa ante un gran equipo como o Eume”. 

“Desde que deixei o fútbol as semanas facíanseme moi longas, pero voume acostumando, agora os que me teñen que aguantar son os familiares (risas). A curto plazo non teño plans pero gustaríame adestrar tres ou catro anos máis nun futuro. Agora mesmo, voltei a xogar co meu equipo de Veteranos de sempre, o Santaballés, e tamén vexo moitos partidos”. 

Nova cortesía Xose Ferreiro

También podría gustarte
Comentarios