Felipe Arias: ”Dirixir Patrimonio é loitar contra todos, uns critícante por talibán e outros por flexible”
[El Progreso] Felipe Arias Vilas, tras case catro anos coma director xeral de Patrimonio, volta ó seu recunchiño chairego de Castro de Rei para continuar a levar as rendas do Museo de Viladonga, onde espera xubilarse. As expectativas, seguir a traballar coma sempre e incluso “máis e mellor”. Defensor incansable da protección, fai un repaso dos seu anos na Xunta.
Tras catro anos fóra volve a Viladonga, como afronta o retorno?
Estaba pensado e decidido que ía volver. Éste é o meu traballo habitual e non me supuxo ningún esforzo volver, senón todo o contrario. A Dirección Xeral de Patrimonio era algo transitorio. Tiven un período de asimilación mental e física, como en calquera cambio, pero sen máis.
Atopou moitos cambios?
Non excesivos. Os servizos, as actividades didácticas, os traballos… son os mesmos. Só se variou a montaxe museográfica que se mostra ó público.
Que proxectos ten en Viladonga?
Fundamentalmente, seguir o camiño iniciado nos 80 e continuar a cumprir as tres funcións dun museo de sitio: a documentación e a investigación, a conservación e a difusión. Cumprilas é o principal programa e deber. Traballar as líneas básicas, afondando sempre máis e mellor.
Este verán non se farán os campos de traballo que organizaba Xuventude no castro. Falta de xente ou problemas na concesión?
No último ano xa non houbo tanta concorrencia. Non só aquí, tamén noutras escavacións. Pero en Viladonga non é necesario facer escavacións tódolos anos. Non é de urxencia. Hai que seguir traballando, pero conforme se vaia plantexando. Non se trata de escavar por escavar. Aínda así, este ano fixemos unha limpeza en maio, porque con este tempo, que alterna auga con calor, a vexetación desmándase e obriga a máis limpeza. Ademais, entre setembro e outubro faranse traballos de campo, tanto de escavación como de consolidación, para continuar o traballo do ano pasado, á esquerda da entrada da croa.
Queda moito por descubrir?
Máis do 50%. Hasta dentro de máis de 50 anos ó mellor non se acaba de excavar. Pero están escavadas as partes máis importantes; a croa interior, o antecastro, nas zonas de acceso, nas murallas…
Antes do seu regreso comezouse a declaración de BIC para o castro, en que punto está?
A decisión está na Consellería de Cultura. Está incoado o expediente e o que si sabemos é que non hai alegacións. Pero para que finalmente se nomee hai un periodo máximo de 20 meses.
Que supón para o castro?
Esta declaración supón un maior grado de protección e recoñecer o valor senlleiro do castro de Viladonga. As consecuencias directas e indirectas son que pasará a ser máis coñecido.
Máis visitas, polo tanto?
Incide no aumento de visitas, sen ser determinante. O museo de sitio ten características propias e inflúen outros aspectos como a metereoloxía, por exemplo.
Pero respecto ás visitas, Viladonga xa ten unhas cifras positivas.
O museo ronda dende hai anos entre 20.000 e 21.000 visitas e o castro unhas 25.000. Non son altas se as comparas co Museo do Prado, pero si para un museo de sitio ubicado nunha estrada non turística. Viladonga sempre tivo un número moi respectable de visitas, aínda que sempre pode haber máis. Aínda así, non é o único parámetro para medir se un museo funciona. O importante é o número de persoas que sae con algo aprendido e coa ilusión de volver. Un museo ten que ter un rendemento cultural e educativo.
E esa sempre foi unha das máximas de Viladonga…
Dende os principios. Na arqueoloxía non hai un goce estético como pode haber nas grandes obras de arte. Non son pezas artísticas extraordinarias, son documentos arqueolóxicos que hai que explicar para facelo accesible a todo tipo de público.
Deixando o castro, que valoración fai do patrimonio chairego?
Antes dicíase que a Terra Chá tiña pouco patrimonio. E é un craso erro. A Terra Chá ten un patrimonio moi valioso e moi variado, que responde a unha historia moi antiga que se remonta ó paleolítico e ó neolítico. Hai mámoas, castros, xacementos, iglesias románicas, medievais…
Falta recoñecemento?
Falta coñecemento. Creouse a imaxe de que era unha chaira toda igual. Comparábase con outras comarcas, pero comparar o patrimonio é algo absurdo. Aínda así, hoxe xa se compensou e reparou en boa medida. A Terra Chá xa é máis coñecida, tanto o patrimonio cultural como o natural. Hai excursións de escolares, da terceira idade, turistas que antes só ían ás Rías Baixas… Hai 20 anos ninguén ía ó Pedregal de Irimia.
Unha das pezas fundamentais podería ser o Camiño Norte.
O Camiño Norte é fundamental para Lugo e para a Terra Chá en concreto. E será máis fundamental cando se remate o expediente, iniciado hai tres anos, para elevalo á declaración de Patrimonio da Humanidade, como é o caso do Francés, co que obterá máis protección e unha maior difusión. Aínda que no caso do Francés xa non se necesita máis difusión. Para os máis puristas, a masificación é un problema, por eso é fundamental a diversificación dos camiños.
Falta moita protección no patrimonio chairego?
Todo necesita máis protección e coñecemento. Non estará todo feito nin agora nin dentro de 100 anos. As ameazas son continuas, os traballos son constantes e cada vez patrimonialízanse máis cousas; lavadoiros, palleiras…
É un problema?
É unha vantaxe, pero trae problemas. É un traballo interminable, porque nin as persoas nin as cousas escapan ó paso do tempo. Require unha atención constante.
Que peso xogan os museos á hora de dar coñecemento, hai suficiente na Chaira?
Terra Chá non sae mal parada cos museos que ten. Hai museos comarcais, arqueolóxicos, etnográficos e de artistas vivos. Pero hai que concienciar de que non vale calquera cousa. Non se trata de crear museos por crear. Coller 40 pezas non é un museo, é unha exposición. Os museos teñen que cumprir unhas funcións e ter unhas determinadas condicións, incluso de seguridade. Non son habitacións con pezas para facilitar os roubos.
Coa perspectiva do tempo, que valoración fai dos seus anos á fronte da Dirección Xeral de Patrimonio?
Estiven tres anos, oito meses e cinco días e eso é un suspiro en Patrimonio. Hai obras que duran máis anos. É moi complicado. Podería sacar aspectos positivos e negativos de facer cousas e de repercusión persoal.
Volvería?
Non o sei. Póñoo en dúbida. É unha experiencia que ofrece moitos puntos de vista novos de moitos problemas novos.
Dirixir Patrimonio é ir na contra do vento?
É loitar contra todos. Pola dereita, esquerda, arriba e abaixo.
Críticárono por non ser flexible.
Pouco flexible, talibán do patrimonio para uns porque protexes demasiado e flexible para outros porque protexes pouco. A quen lle fas caso? Ou segues a máxima aristotélica de que se te critican por ambos lados é porque vas ben? Para conservar non se pode ser flexible. Os decretos e as leis están para cumprilos. O que non ten sentido é encher a boca falando de patrimonio, pero á hora de conservalo abrir a man. Ter ese discurso e logo prescindir del non ten sentido.
O urbanismo é o máis dificil de conciliar con Patrimonio?
A presión ideolóxica de que cada un co seu fai o que quere é o máisdifícil. Eso en Patrimonio non é así, é un ben común. Un señor que ten un castro na súa finca, outro cun pazo… non poden facer o que eles queiran, igual que non podes tirar unha neveira a unha cuneta ou un colchón ó río. Desmontar eso é complicado.
Pero a construcción ás veces gáñalle á protección. Un exemplo, as obras da AG-64 destruiron un círculo lítico nas Pontes.
Ése foi o primeiro follón gordo cando entrei e tratamos de facer o mellor que se podía facer nesa tesitura. Destruiuse unha vez escavado e documentado. Fíxose todo polo libro. As mámoas quedaron no noiro da autovía e non se perdeu un ápice de información.
Cal foi a decisión máis dura?
Non teño ningún ránking nin das boas nin das malas. É a complexidade da dirección xeral.
Meirás, por exemplo…
Houbo un interés mediático excesivo, incluso na prensa do corazón. Presión política e mediática da que tratei de sustraerme. É un pazo considerado BIC, que xa estaba inventariado.
Pero non é dun anónimo.
A lei non fala das familias ás que pertence.
Estanse a cumprir a lei actualmente respecto a abrilo ó público?
Unha das cuestións que debe cumprir por ser BIC é abrir catro veces ó mes de xeito gratuíto. De momento non se está a facer. A decisión está recorrida, pero rexeitada polo tribunal.
Recentemente o dono de Pambre comprometeuse ó fin a abrir o seu castelo.
É un caso similar, no que tamén houbo presión mediática. Por fin accedeu a abrilo, pero agora estase a estudar cómo se artella.