FINALIZA O IV CAMPUS DO ESTEO FS

Preto de cincuenta nenos e nenas estiveron presentes no evento organizado polo equipo pontés de fútbol sala.

O equipo pontés do Esteo de Fútbol Sala organizou estes días o seu xa clásico Campus de verán. Transcorreu de luns a xoves desta semana, de dez da mañá a seis do serán e participaron preto de cincuenta nenos e nenas, nados entre 2000 e 2009, divididos en catro grupos.

Estiveron como adestradores do Campus, Álvaro, Julio e Félix, de Lugo Sala, David Riveira, do Poio Pescamar, Morenín, do Tolouse UJS, e Francisco López “Tatiko”, técnico deportivo superior. Como coordinador do evento estivo Dani Díaz, Iván Pico, psicólogo, e adestrador de porteiros, Xabi Pintos.

Tamén se achegaron xogadores recoñecidos, o ferrolán Adri, que o vindeiro ano e despois de moitas tempadas no El Pozo de Murcia, xogará na KPRF da liga rusa (xunto ó xa ex xogador do FC Barcelona, Lin), Iago Barro, porteiro do Fundao e futuro compañeiro de Noé, e os xogadores do Santiago Futsal, Santi Valladares e Hugo Sánchez.

Ademais do fútbol sala, os rapaces puideron gozar doutros deportes coma o baloncesto, pádel e tenis, fixeron actividades na piscina e no Lago pontés, e tiveron sesións de vídeo.

Ó final do evento, entregaron os diplomas a tódolos nenos e nenas participantes o concelleiro de Deportes, Chicho Tembrás, Diego Paz, director deportivo do Esteo, e Santi Valladares, xogador do Santiago Futsal.

O ESTEO FS 2016/17

Por outra banda, o Esteo segue a perfilar a 2016-17 por cuarta tempada consecutiva na Segunda División B, e ademais das baixas coñecidas do ex adestrador Suso Rey e do xogador Cospe, e de que Javi Saa se sentará no banquiño local, esta semana coñecíamos a fichaxe do pivote do Cidade de Narón, Álex Garea.

Nova cortesía de Xosé A. Ferreiro e A.F.

También podría gustarte
Comentarios