Irmanamento Lesneven As Pontes

O irmanamento entre a vila de As Pontes de García Rodríguez e a pequena cidade bretona de Lesneven naceu no ano 1990 por iniciativa do municipio bretón dentro dos programas auspiciados pola Unión Europea. Esta idea foi ben acollida no concello galego, facéndose realidade no ano 1991 coa celebración de senllos actos oficiais (en As Pontes o 19 de xullo e en Lesneven o 3 de setembro) nos que os respectivos alcaldes asinaron o pacto de amizade entre as dúas cidades.


Logo_Lesneven-AsPontes.jpg

O Asociación de Irmanamento Lesneven As Pontes (a partir de agora Irmandade Lesneven As Pontes) xurde por iniciativa dun grupo de persoas que amosaron interese nesta clase de relacions, creando esta asociación que, para a súa legalización contou coa aprobación duns estatutos que foron rexistrados no goberno civil da Coruña o 3 de febreiro de 1992. Na actualidade esta asociación cultural conta con 165 socios, que pagan unha pequena cuota anual.
De seguido esta entidade estableceu un programa de actividades, cuio principal obxectivo centrase na promoción e a realización do irmanamento entre as dúas vilas en tódolos seus aspectos, como intercambios culturais, educativos, turísticos, deportivos, económicos, técnicos e sociais. Para elo, contan coa colaboración do Comite de Jumelage As Pontes Lesneven da cidade bretona.
Obxectivos:
Dende a súa creación, os esforzos da asociación centráronse en:
a) Intercambios para conseguir un fondo bibliográfico sobre Bretaña en As Pontes e de Galicia en Lesneven . De feito , as bibliotecas municipais da cada pobo contan cun importante numero de títulos relativos a cultura, historia, tradicións e folclore de cada pais. O comité de irmanamento pontés donou boa parte deles, asi como as deputacions provinciais e a Fundación Barrie de la Maza.
b) Intercambios para crear un pequeno museo de Bretaña na vila pontesa e de Galicia en Lesneven. Neste senso, dende 1993 o “Musee du Pays de Léon” de Lesneven conta cunha sala adicada a As Pontes e a Galicia, onde están expostas varias pezas de artesanía de madeira, dous traxes típicos galegos, un xogo de queimada, pezas de cerámica de Sargadelos e diverso material fotográfico e videográfico. Todo este material foi doado pola asociación pontesa. En canto a As Pontes a idea esta establecelo no Museo Etnográfico do Colexio Monte Caxado, que e un dos mais interesantes da comarca.
c) Colaborar nos intercambios de membros das diversas asociacións, entidades e colexios das dúas cidades. Precisamente, nos anos 1992 e 1993 os colexios ponteses Santa María e Pardo Bazán fixeron encontros formativos de alumnos cos colexios lesnevenses de SaintExupery e SaintFrancois, cos que están irmanados. En xullo de 1997 iniciáronse os contactos para irmanar os dous clubes de fútbol, Club Deportivo Endesa As Pontes e Stade Lesnevien
d) Encontros entre veciños das dúas cidades. Cabe salientar que en total levan participado unhas 900 persoas, as que hai que engadir as familias que acollen nas súas casas os visitantes de cada vila. Polo que podemos cifrar en mais de 3.000 as persoas que directamente participaron e colaboraron nestes doce encontros (os que hai que engadir os seis intercambios escolares), o que representa o 15% do total da poboación das dúas vilas.
Os últimos encontros:
Nos intercambios de Lesneven 1995 e 1997, esta asociación ofreceu os veciños da vila bretona a nosa musica e danza tradicional, coa participación do grupo de gaitas “Alfaia” (composto por 22 xoves entre os 8 e os 18 anos) e o grupo folk “Muxarega”; os dous de As Pontes. Tamén en 1995 realizouse unha exposición da pintora pontesa Carmen muiño na capela de SaintJoseph e que tivo un grande éxito, xa que durante os cinco días foi visitada por unhas 600 persoas. En 1997 programamos unha de fotos antigas e recentes da vila de As Pontes. No intercambio de 1999 catro xoves ponteses “Terumas do Liño” participaron nun concerto de musica e danza tradicional xunto o “Bagad des Abers” e o “Cercle Celtique de Lesneven” e a pintora vasca afincada en As Pontes, Lourdes Acera, expuxo parte da súa obra pictórica na semana de estancia dos ponteses en terras bretonas.
En correspondencia os encontros en As Pontes, en 1996 dous instrumentistas de bombarda (típico instrumento bretón), Vincent e Marianne Bodennec ofreceron un concerto en As Pontes e en xullo de 1998 o grupo folk YOD KERC’H, de Lesneven, actuou no I Festival folk A Fraga‘98 xunto a Muxarega, Na Lúa e Luar na Lubre.
Neste ano 2000 realizouse un dobre intercambio. En xullo foron corenta os lesnevenses que estiveron na vila de García Rodríguez participando nas festas patronais e visitando as provincias de Lugo e Ourense. Na primeira quincena de agosto mais de cincuenta ponteses achegáronse ata Lesneven para participar nun encontro tripartito coa presencia de As Pontes, Lesneven e Carmarthen (cidade galesa irmanada con Lesneven desde 1982), para participar na quinta edición do Festival da Costa das Lendas (Cote des Legendes).
Por parte pontesa estivo a banda de gaitas Alfaia, os artesáns Fernando Vérez (madeira) e Maria Quintas (encaixe de bolillos) e a pintora Carmen Muiño, que voltaba a Lesneven por segunda vez. Tamén estivo representada a repostería típica de As Pontes, coa participación da panadería a “Vva. Domingo López”, ademais de membros da Liga Céltiga e da Irmandade GalizaBreizh.
Actividades nos intercambios:
Nos encontros, os xoves, que son os que mais participan neles, realizan actividades deportivas e outras propias da súa idade. Adoita haber reunións entre representantes municipais e das dúas asociacións de irmanamento para tratar temas de interese común, así como con outras entidades, como o caso dos programas PRODER (EuroEume) e LEADER (do Pays des AbersCote des Legendes). Aprovéitanse tamén os intercambios para realizar actos culturais e deportivos. Charlas e coloquios son outras das actividades e dos obxectivos destes intercambios.
Para a financiacion dos encontros anuais contase coas subvencións da Comisión Europea, así como a aportacion anual dos propios asociados. Para os cursos de francés e outras actividades tamén se solicitan axudas a Deputación Provincial de A Coruña e o concello de As Pontes.
Cursos de lingua francesa e o premio cultural:
Outra das actividades que se desenrolan nesta asociación son os cursos de lingua francesa, que xurdiron como resposta a necesidade que presentaban as relacións entre os veciños.
Os obxectivos que se perseguen son os de ofrecer a posibilidade de aprender a lingua francesa os adultos e escolares, o contribuír a profundización nas relacións entre os dous pobos e aproveitar os cursos para coñecer mais a fondo a cultura bretona. Xa se levan realizado nove cursos anuais con cerca de 2 50 alumnos. Reciprocamente, o comité de “Jumelage” lesnevense oferta cursos de castelán.
Por outra banda, e co fin de dar a coñecer o irmanamento entre a poboación pontesa, especialmente entre os mais xoves, os membros desta asociación decidimos crear en 1996 o
Premio cultural, que nas dúas primeiras edicións foi unha redacción sobre o irmanamento e a Unión Europea e nas dúas ultimas, un traballo de debuxo sobre o mesmo tema. Esta foi unha iniciativa moi interesante, pois a acollida entre os escolares superou as previsións, incluso nas dúas ultimas edicións houbo participación de alumnos doutros concellos.
O mesmo tempo esta asociación colabora con outras entidades da localidade en actos culturais, como foi no “Nadal Cultural 98″, no que houbo charlas, conferencias, exposicións e concertos de musica tradicional.
Valoración do irmanamento:
Non cabe dubida de que aínda queda moito por facer, pois levamos pouco tempo no irmanamento, o contrario do resto dos países da Unión Europea. Pero estes nove anos de relacións serviron para concienciar os veciños dun e doutro pobo da nosa pertenza a Unión Europea, así como para acercar mais os habitantes das dúas cidades, co afán de coñecer profundamente a súa historia, as súas tradicións e a súa cultura. Non cabe dubida, que sen o irmanamento e sen o esforzo e o traballo de cantos formamos parte del non se houbese conquerido.
Por outra banda, tanto en Galicia coma en Bretaña, a Irmandade As PontesLesneven e tomada como exemplo polos irmanamentos que pouco a pouco van xurdindo entre vilas galegas e bretonas, e e o que mantén unha constante e continuada actividade.

También podría gustarte
Comentarios