Moción BNG: MOCIÓN SOBRE DA VALORIZACIÓN DO PATRIMONIO DAS PONTES

Isto é o que opinaba o Concello das Pontes (BNG) no seu día sobre o Patrimonio das Pontes e as Asociacións Culturais das Pontes.


D. Xaime Castro Paz, na súa condición de portavoz do Grupo Político Municipal do BNG no Concello das Pontes, e na súa representación, presenta a seguinte
MOCIÓN SOBRE DA VALORIZACIÓN DO PATRIMONIO DAS PONTES
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
Galiza é unha nazón cunha longa historia, demasiado rica e extensa como para pasar desapercibida no mundo en que vivimos. En moitos lugares do noso País hai restos arqueolóxicos que falan dos nosos antepasados e As Pontes non é unha excepción, antes ao contrario, especialmente no seu extraordinario patrimonio pre-románico (mámoas, túmulos, castros, …). Todos temos a responsabilidade de facer o que estea nas nosas mans para que as xeracións vindeiras a coñezan.
As Pontes debe desenvolver a súa potencialidade turística xa que dispón dos recursos patrimoniais necesarios, inmateriais e materiais, pasados, presentes e futuros; pero débense por en valor, coa indispensábel planificación e participación, de forma urxente no relativo aos restos baixo custodia do Concello.
Respectando os dereitos lexítimos dos propietarios actuais, dende a institución municipal pódense artellar mecanismos que compatibilicen a expansión coa posta en valor do noso patrimonio, arqueolóxico, etnográfico e ambiental. Poderíanse deixar á luz pequenas mostras significativas e representativas en distintos puntos do concello, do mesmo xeito que xa se está a facer en moitos outros lugares, de Galiza , do estado e de Europa, actuacións puntuais que poderían complementarse coa posta en marcha dun centro de interpretación.
A execución de proxectos valorizadores do patrimonio é complexa, precisa dunha inversión económica, ten efectos urbanísticos, require compatibilizar intereses particulares e públicos, procurar finanzamento que viabilice a realización dos proxectos, etc. Pero todo isto non pode ser obstáculo para que saibamos e amosemos o que realmente queremos, camiñar, de novo, nesa dirección e continuar unha laboura de sensibilización, tanto da cidadanía como da propia Corporación.
Tendo en conta o exposto con anterioridade e coa finalidade de poñer en valor o noso patrimonio, facendo realidade a potencialidade de dito recurso cunha visión e cun compromiso de sostentabilidade, o Grupo Político Municipal do BNG propón ao Pleno do Concello das Pontes adoptar o seguinte

ACORDO

Único.- Constituír unha comisión especial, nun prazo máximo de tres meses, formada por todos os grupos políticos, aberta á participación puntual dos veciños, asociacións, técnicos, personalidades, etc., co fin de analizar, debater, contrastar pareceres e chegar a acordos en todos os ámbitos (urbanísticos, orzamentarios, convenios con outras entidades públicas, acordos con particulares, …), co obxectivo final de elaborar un gran proxecto que garanta, de agora en diante e definitivamente, o coñecemento da historia das Pontes a traveso do seu patrimonio.
As Pontes, 26 de marzo de 2009
O PORTAVOZ DO G.P.M. DO BNG
Asdo.: Xaime Castro Paz

También podría gustarte
Comentarios