José Antonio Meizoso: «O campionato do mundo era o que me faltaba e este ano por fin caeu»

O pontés, acompañado polo lucense Ángel Castiñeiras, acadou un novo título a pasada fin de semana tras participar nun certame na localidade de Punta Umbría

Aos seus 48 anos segue a ser o rei do futbolín. Así o certifica o último título que o pontés José Antonio Meizoso incorporou ao seu palmarés persoal a pasada fin de semana. Recén chegado de Punta Umbría (Huelva) onde disputou -e gañou- o Campionato Mundial de Futbolín amósase especialmente satisfeito non só porque o certame «é un dos máis prestixiosos», senón porque «era o premio que me faltaba. Tiña o subcampionato e varios certámenes estatais, pero este non. Estaba a un paso e por fin puiden conseguilo. Este ano caeu, así que estou moi feliz por elo e tamén por levar o nome de As Pontes, que é como se chama o equipo, por España adiante». Co lucense Ángel Castiñeiras ao seu carón, a parella impúxose nunha proba na que se deron cita un total de 218 equipos, «de moitísimo nivel», vinculados a tres categorías: masculina, femenina e infantil.

Expectativas

«Hasta que gañas non o cres, nun campionato poden pasar moitas cousas, así que non tiñamos expectativas nin de acadar o primeiro posto nin de todo o contrario», explica Meizoso. ¿Que factores inflúen? O pontés ten claro que «as posibilidades sempre existen, pero quedar eliminado é moi doado, é algo que pode pasar, sobre todo nun campionato desta envergadura no que todo se complica un pouco máis. Realmente, nunha partida inflúe moito a sorte, pero tamén o día que teñas ou o nivel de concentración». «Por nada -resume- quedas fóra».

Nesta ocasión, a décima para Meizoso e a vixésimo cuarta para o campionato onubense, os astros quedaron alineados para outorgar o máximo galardón mundial do futbolín ao equipo de As Pontes. Xa de volta, tras atravesar España de norte a sur e viceversa, Meizoso pensa en próximos retos, «en todo menos na retirada, nin se me pasa pola cabeza». O que ten claro é que «seguirei participando ata o que corpo aguante».

A derradeira partida. «Tocounos xogar cunha parella formada por un lucense e un sevillano de Utrera. Finalmente, e para a nosa alegría, conseguimos gañar e sumar un novo triunfo. A pesar de que o resultado foi de 3 a 1 é xusto dicir que a partida foi bastante igualada. Nós tivemos a fortuna, pero podería ter pasado o contrario. Neste tipo de campionatos o factor da fortuna xoga un papel máis que importante».

Fuente La Voz de Galicia

También podría gustarte
Comentarios